Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/07/2020 | Actualizada ás 20:12
A directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señorans, e o coordinador de prevención das eleccións, Emilio da Igrexa, participaron este xoves nunha reunión por videoconferencia con responsables da Generalitat de Cataluña para trasladarlles os detalles de organización electoral e as medidas sanitarias que se aplicaron o pasado 12 de xullo.
No encontro, no que participou o director xeral de Participación Cidadá e procesos electorais de Cataluña, Ismael Peña, abordáronse as distintas xestións que se realizaron de cara á xornada electoral do 12 de xullo, así como a intendencia necesaria para pór en marcha todas as medidas de prevención sanitaria, segundo informou a Xunta nun comunicado.
Deste xeito, entre outros asuntos, os responsables galegos explicaron as xestións de carácter institucional que levaron a cabo para dar conta das medidas sanitarias, como as reunións cos partidos políticos, Delegación do Goberno, Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) ou oficinas do censo electoral.
Tamén detallaron as actuacións relacionadas propiamente coa xestión da xornada, como as medidas de prevención da COVID-19. Neste sentido, a Xunta lembrou que formou e habilitou un equipo de persoas que inspeccionaron os locais electorais ata en dúas ocasións antes da xornada electoral; e que dispuxo persoal en todos os locais durante a propia xornada para que axudase a que se respectasen todas as medidas sanitarias, como o uso de máscara, a distancia de seguridade e hixiene de mans.
A Xunta puxo, ademais, a disposición de todos os locais electorais todo o material de protección sanitario, así como a cartelaría na que se explicaban todas as recomendacións sanitarias.
Xa durante a fin de semana das eleccións, responsables da Generalitat de Cataluña desprazáronse a Galicia para coñecer de primeira man o desenvolvemento da xornada. Entre outras cousas, visitaron o centro de datos e varios locais electorais, nos que puideron comprobar todas as medidas sanitarias que se implantaron.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.