Cae un plataneiro de máis de 100 anos no centro de Pontevedra

A árbore tiña unha "podremia oculta".

Por Galicia Confidencial | PONTEVEDRA | 08/09/2020 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

Unha brigada de traballadores da firma Redenor retirou na mañá deste martes coa axuda dun camión un plataneiro caído de madrugada, en torno ás 5:00 horas, na Alameda de Montero Ríos en Pontevedra, á altura dunhas escaleiras situadas na cabeceira sur do parque, cara a rúa Alameda (nas inmediacións dun paso peonil).

Traballadores talando o plataneiro caído na madrugada na Alameda de Montero Ríos en Pontevedra.
Traballadores talando o plataneiro caído na madrugada na Alameda de Montero Ríos en Pontevedra. | Fonte: PSOE Pontevedra

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, explica que o incidente, que se saldou coa rotura dun colector de lixo e dun pedaciño de muro, debeuse a un “vicio oculto, unha podremia, no núcleo do exemplar, que, como outros do parque, ten máis de cen anos de antigüidade” e que “non evidenciaba unha sintomatoloxía externa”.

Tal e como lembra o edil socialista, “hai apenas un ano, antes das Festas da Peregrina de 2019, revisáronse unha a unha tódalas árbores e taláronse seis nas que se tiña detectado un deterioro moi importante e que nalgún caso estaban practicamente baleiras por dentro”.

“Non era o caso deste plataneiro de sombra que, como indicamos, non presentaba síntomas na madeira exterior. Trala súa retirada, vaise talar por completo para evitar calquera risco. O proxecto que estamos a desenvolver consiste precisamente en analizar as mellores zonas para repoboar o parque”, subliña Iván Puentes.

REVISIÓN DAS ÁRBORES

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible constata que o Servizo de Parques e Xardíns, que xa tiña previsto realizar unha poda e unha nova revisión coincidindo coa época de caída da folla, “adiantará a setembro e outubro dita revisión para volver testar o estado das árbores”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta