Por Galicia Confidencial | A Coruña | 18/09/2020 | Actualizada ás 10:59
O vindeiro mércores, 14 de outubro, será xulgado o grupo de nove activistas denunciados pola familia Franco pola acción simbólica realizada na Casa Cornide, na Coruña, unha propiedade que é da familia do dictador, pero que as institucións públicas reclaman como súa porque foi expropiada.
A acción, realizada o 26 de setembro do pasado ano, consistiu en despregar unha faixa na varanda da Casa Cornide, para reclamar que este edificio, que foi espoliado no ano 1962 polos Franco, "debe ser restituído ao patrimonio público das galegas e galegos". Os nove activistas, militantes do BNG, Armando Carril, Manuel Méndez, Elvira Branco, Carolina Fernández, André López, Salvador González, Óscar Calvo, Dani Carballada e Bieito Lobeira, serán xulgados por un delito leve por coaccións.
“O feito de que por esta acción simbólica e pacífica 9 activistas teñamos que sentarnos diante dun xuíz, di moito de como están as cousas. Que Estado, que goberno, pode permitir a persecución de activistas e loitadores pola democracia na Galiza, mentres a familia dun ditador que deixou milleiros de mortos no noso País campa impunemente e desfrutando do Patrimonio espoliado? É o mundo ao revés” explica a súa portavoz, Elvira Branco.
Desde o grupo de activistas denunciados sinalan que “as acusacións feitas carecen de fundamento". "Esperamos que finamente a acción realizada sexa considerada como o que realmente foi: un acto pacífico e democrático ante unha situación inxusta que, ademais, sabemos que é compartida por todas as persoas demócratas deste país”, sinalou Elvira Branco que pide que sexa restituído ao patrimonio público, tal e como acontece co Pazo de Meirás.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.