Descenden máis dun 15% as denuncias por ocupacións ilegais de vivendas no segundo trimestre

Os desafiuzamentos executados en Galicia no segundo trimestre baixan un 87,4% e as execucións hipotecarias iniciadas entre o 1 de abril e o 30 de xuño baixaron un 27,3%

Por Europa Press / Redacción | CORUÑA, A | 25/09/2020 | Actualizada ás 11:20

Comparte esta noticia

A suspensión dos prazos procesuais como consecuencia da declaración do estado de alarma o 14 de marzo debido á crise sanitaria da COVID-19 provocou un descenso da actividade dos xulgados e tribunais galegos no segundo trimestre do ano, tal e como reflicte o informe 'Efectos da crise económica nos órganos xudiciais'.Hai menos desafiuzamentos e tamén menos denuncias por ocupación de vivendas.

O documento, feito público este venres pola Sección de Estatística do Consejo General del Poder Judicial, evidencia que os desafiuzamentos racticados en Galicia entre o 1 de abril e o 30 de xuño experimentaron un descenso do 87,4 % respecto ao mesmo período de 2019, ao pasar de 657 a 83. No conxunto do Estado, os lanzamentos executados descenderon un 90,6%.

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), en base aos datos recollidos neste informe, dos rexistrados en Galicia, 10 producíronse como consecuencia de procedementos de execución hipotecaria, fronte aos 140 que se realizaron por este motivo no mesmo período de 2019, o que supón unha baixada interanual do 92,9%.

Como consecuencia de procedementos derivados da Lei de Arrendamentos Urbanos, rexistráronse 70, un 86% menos que no período anterior, cando se contabilizaron 501. Os lanzamentos enmarcados no apartado doutras causas pasaron de 16 o ano pasado a 3 no segundo trimestre de 2020.

As execucións hipotecarias iniciadas en Galicia entre o 1 de abril e o 30 de xuño baixaron un 27,3%. No segundo trimestre do ano presentáronse 125 procedementos que permiten esixir o pago das débedas garantidas por peza ou hipoteca ao acredor, fronte ás 172 do ano anterior.

O número de asuntos relacionados con cláusulas solo ingresados nos xulgados da comunidade autónoma diminuíu no segundo trimestre do ano un 6,2%, ao pasar de 956 a 896. Os procedementos en trámite descenderon un 7,6%, pois a 30 de xuño quedaban 7.617, fronte aos 8.242 que había pendentes na mesma data do ano anterior.

DESCENSO NAS OCUPACIÓNS ILEGAIS

O estudo, ademais, reflicte que no segundo trimestre do ano os xulgados galegos ingresaron 27 demandas por ocupación ilegal de vivendas en casos nos que os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social.

Esta cifra é inferior á do período anterior, que situou en 32 (un 15,6 % menos). En total, entre o 1 de abril e o 30 de xuño deste ano, resolveron 15 procedementos deste tipo e deixaron 65 en trámite.

XULGADOS DO MERCANTIL

Segundo a estatística feita pública este venres, tamén descende o número de concursos presentados nos xulgados do mercantil, pois pasaron de 68 no segundo trimestre de 2019, a 52, o que supón un descenso do 23,5%.

O colectivo Stop Desafiuzamentos Compostela, nunha sucursal bancaria. EUROPA PRESS - Arquivo
O colectivo Stop Desafiuzamentos Compostela, nunha sucursal bancaria. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta