Pontón critica que Feijóo "renuncie" a uns orzamentos que podía facer "en tempo e forma"

Advirte de que "agora é cando máis se necesitan" para afrontar a crise pola pandemia

Por E.P. | VIGO | 02/10/2020 | Actualizada ás 13:23

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou este venres a "improvisación" do presidente da Xunta, e que "renuncie" a deseñar uns orzamentos "en tempo e forma" en plena crise pola pandemia de coronavirus, revelando que "non hai proxecto de país" para afrontar as actuais dificultades.

Así o manifestou, nun almorzo informativo con medios, no que recoñeceu que ela foi "a primeira sorprendida" tras o anuncio de Alberto Núñez Feijóo de que será "imposible" que os orzamentos de 2021 entren en vigor en xaneiro próximo.

Segundo Pontón, Feijóo empezou "de mala maneira" a lexislatura, "incumprindo a súa promesa" de ter as contas a tempo, e "con escusas de mal pagador". "En épocas anteriores xa tivemos un contexto en que non se coñecía o teito de gasto nin os datos macroeconómicos do Estado", lembrou, e constatou que "o problema de fondo é que non hai proxecto de país, non hai alternativa" para afrontar a actual crise económica e social.

Ademais, incidiu a líder nacionalista, "agora é cando máis se necesita" o orzamento, a principal ferramenta da política para pór en marcha unha "folla de ruta para os próximos anos". "Feijóo volve improvisar", afirmou.

"Os orzamentos que temos agora foron deseñados nun contexto que non ten absolutamente nada que ver coa crise que vivimos, e sorprende que un goberno que está en maioría renuncie a aprobar en tempo e forma uns orzamentos que son un dos principais instrumentos económicos para enfrontar a crise", apuntou Pontón que, ademais, engadiu que a flexibilización dalgunhas restricións por parte do Estado "o que dá é precisamente máis marxe de manobra ao goberno galego".

Finalmente, lamentou que o presidente da Xunta "está máis interesado en seguir facendo oposición e ser útil nesa estratexia fratricida do PP de Casado, que en pór por diante os intereses de Galicia".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón (centro), xunto ás deputadas nacionalistas Alexandra Fernández e Carmela González, e o edil do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón (centro), xunto ás deputadas nacionalistas Alexandra Fernández e Carmela González, e o edil do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta