Alba Cid, Premio Nacional de Poesía Joven

O xurado destaca que a súa obra está "escrita coa lóxica do asombro e chea de referencias culturais que se contemplan desde unha mirada excéntrica que fermenta en rebeldía". A autora destaca a importancia de "levar a poesía aos mozos".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/10/2020 | Actualizada ás 14:14

Comparte esta noticia

A ourensá Alba Cid foi galardoada co Premio Nacional de Poesía Joven 'Miguel Hernández', correspondente a 2020, pola súa obra 'Atlas'. O premio, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, está dotado con 20.000 euros.

O xurado elixiu esta obra "por constituír unha reflexión sobre como a literatura elabora mapas da realidade e sobre o valor moral que pode ter a literatura como problematización do mundo". "É poesía tanto do coñecemento como da emoción, e presenta unha nova cartografía na que se funden o mapa do corpo co do planeta, a memoria e o enigma", engadiu.

Á súa vez, tamén destacou que é unha obra "escrita coa lóxica do asombro e chea de referencias culturais que se contemplan desde unha mirada excéntrica que fermenta en rebeldía".

Alba Cid é poeta e investigadora en poesía contemporánea. Participou en volumes como 'Poética da casa' (2006) e na antoloxía de 'Apiario Non seu despregar' (2016). Publica textos de creación e reseñas en revistas como Graal, Luzes, Tempos Novos e Dorna, e é colaboradora de Radio Galega.

Os seus poemas foron traducidos ao castelán, grego, inglés e portugués, e apareceron en Oculta Lit, The Offing e Poem-a-Day, unha serie web da Academy of American Poets. Actualmente está a cargo do Centro John Rutherford de Estudos Galegos da Universidade de Oxford.

O xurado estivo presidido por María José Gálvez Salvador, directora xeral do Libro e Fomento da Lectura e actuando como vicepresidenta Begoña Cerro Prada, subdirectora de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas.

A poeta Alba Cid
A poeta Alba Cid | Fonte: cultura.gal

DECLARACIÓNS

Tras coñecer a nova, Alba Cid destacou a importancia de "levar a poesía aos mozos". "É importante o feito de levar tamén a poesía aos mozos, sacala un pouco de certos estereotipos que talvez o ensino e certos modos de ensinar poesía foron marcando", sinalou a poeta.

A galardoada chegou á poesía "desde moi pequena" e foi unha lectora "sen límites" de calquera xénero. "Resúltame moi difícil de entender que non unamos esforzos nisto, que non descubramos realmente a calquera idade a poesía", dixo.

Para ela, a poesía non se está perdendo coas novas xeracións. "Tamén é certo que eu estou nunha contorna privilexiada como o galego, no que a tradición poética está firmemente consolidada. A vida da poesía vai para longo", explicou.

Así mesmo, Cid lamentou que a pandemia "non fixo máis que subliñar moitísimos defectos sistémicos ou moitas debilidades que xa existían", algo que, ao seu xuízo, é "máis evidente en determinados ámbitos das artes escénicas".

En concreto, a escritora fixo referencia a que ao mundo do libro "faríanlle falta apoios máis evidentes, desde posibles bolsas para a creación ata plans que reforcen" aos autores. "Supoño que a pandemia non fixo máis que evidenciar esas carencias", sentenciou.

A escritora asegurou que é unha "honra inmensa, unha alegría" recibir este galardón, "como todos aqueles premios aos que non te presentas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta