No Nadal tentamos entrar cos sobriños ao castelo de Ponferrada, un día que nin era luns nin festivo, en plena tempada alta. Como se fosemos irmandiños, unha recua de visitantes e turistas quedamos ás portas da barbacana sen máis explicación. Máis ca ser Templario cómpre ter temple. Na Semana Santa tocoulle o turno ás torres do Allo, de camiño á Feira do Encaixe de Camariñas. En todos os xornais a Deputación de A Coruña facía unha chamada a visitar os edificios históricos que xestiona por toda a provincia. Xúrovos que foi imposibe meterse no Allo. Un misterioso número de teléfono era a única axuda para o atrevido visitante. Unha rapaza aplica o protocolo: non se pode entrar porque as torres están sendo reformadas e rehabilitadas. Curioso. Non hai resto ningún de andamios, casetas de obra nin farrapos de gaita. Iso si, a demencial “sinaléctica” amosa até seis logos de entidades que velan polo turismo cultural, pola rendibilización económica do patrimonio, pola proxeción turística das terras de Soneira e da costa da Morte. Agora entendo o lema ese da Xunta: Galicia, “gárdasme o segredo?” O segredo consiste en enganar aos cidadáns. Unha maneira coma outra de facer país.
Nesta ponte de Maio vai e ocórresenos ir a Vilafranca do Bierzo a ver os tradicionais maios, un fermoso costume berciano.Mentres facemos tempo decidimos visitar un museo abraiante: no convento dos Padres Paúles existe un Museo de Historia Natural creado nos anos 1895-6 no que mesmo se amosan pioneiros métodos de taxidermia. Unha xoia… que se resiste. Damos de fuciños coa portada trancada. Novamente un número de teléfono, novamente a voz dunha rapaza que lacónica, contesta: “o Museo está pechado até que chegue o verao, agás que antes caia unha subvención. Pero bueno, hoxe é festivo e é normal que estea pechado E todo caso se queredes mañá, cando veña de levar a pequena ao colexio pódovos abrir, así en petit comité”.
Máis clariño, imposible. Como vai estar aberto un Museo un dìa festivo no que a xente ten tempo iibre, pode viaxar e gozar do patrimonio. A quen se lle ocorre? Como vai haber cartos para habilitar un contrato a unha persoa preparada que protexa, difunda e guíe un ben cultural? Como vai pensar un que os anuncios institucionais na radio e nos xornais son certos? Como vai pensar un que superamos a fase romántica da velliña que garda na arca a chave para abrir ao viaxeiro a ermida, a igrexa ou o castelo da aldea? Estas son as preguntas que xorden na praza da vila nunha conversa cun veterinario, un músico e unha historiadora da arte. Estas tres persoas forman parte do que se chama sociedade civil. Estes tres cidadáns fan polo patrimonio berciano o que non queren administración de turno. Emociónanse ante a posibilidade de poder visitar palacios abandonados, de rexistrar melodías moribundas e lendas que deixarán de ser eternas, de recuperar arquivos e coleccións de futuro incerto. Se un visita a sé do Instituto de Estudios Bercianos en Ponferrada ficará abraiado polo desleixo ao que está sometida unha institución da que turran voluntariamente cidadáns preocupados polo seu patrimonio.
A administración, tanto en Galicia coma no Bierzo, compórtase como aquel cobrador das contribucións de Vilafranca do Bierzo que enviou ao lume carros inzados de documentos e limpaba o cú cos manuscritos do tombo do mosteiro de Carracedo.