Por Xurxo Ayán | Compostela | 31/05/2013
Nunca até hoxe se puxo en dúbida o papel da educación como garantía de futuro nun Estado democrático e laico. Semella que vale todo con tal de voltar ao nacionalcatolicismo, guindando aos lindeiros da historia o ensino público. Vou poñer un arrepiante exemplo autobiográfico para tentar transmitir a importancia do que nos estamos xogando. Eu estudei o EXB nun colexio público de Pontevedra até que acabei Oitavo no curso 1989-1990. Daquela, a asignatura óso era… Relixión, que nos daba unha señora que tamén impartía clases de Ximnasia, Manualidades e Baile Gallego (sic) como actividade extraescolar. O que se di todo un relicto da Sección Feminina, infiltrado no ensino público. Agora entendo por que faciamos as táboas de Ximnasia vestidos cun pololo e unha camisola azul. Ben. Estes días atrás estiven ordeando vellos papeis daquela época e din cos cadernos daquel inferno de asignatura e comecei a recordar. Aprobar Relixión era como facer unha tese de doutoramento. Para que vexades cal era a onda daquela asignatura transcribo un ditado/redación sobre “El verdadero amor a la Patria”: “Todos los ciudadanos debemos amar a nuestro país, por todo lo que nos ha dado (lengua, cultura, organización, justicia, etcétera). Por ello, hemos de trabajar por mejorarlo, siendo responsables en nuestra profesión, respetando a los demás, cumpliendo las exigencias vitales para la vida de un país (como el pago de impuestos, cumplimiento del servicio militar…). Y sobre todo estar orgullosos de nuestro país, de su historia y cultura. Esto puede llevar a un radicalismo o nacionalismo excesivo, que da lugar al racismo. También hemos de cumplir lo que manden los gobernantes, así como lo manda San Pablo, ya que toda autoridad proviene de Dios”.
Non. Isto non acontecía na Escola Naval de Marín, senón nun colexio público galego en 1990. Pero é “pataca” minuta se o comparamos coa atitude desta señora en clase. Tiñamos dúas compañeiras que estaban obrigadas a asistir á clase, malia seren unha Testemuña de Xehová e outra mormona. A profesora-bruxa humillaba publicamente a estas rapazas, como se fosen herexes. Doutra volta convertía a aula na Santa Inquisición, dicíndonos que películas podiamos ver e cales non, e mandábanos ler auténtica propaganda ultracatólica. Aínda conservo as fichas de leitura de números da revista Hosanna do Movimiento Eucarístico Juvenil e de obras como “Desde Santiago a los jóvenes del Mundo” (de Xoán Paulo II), “Las barricadas de Dios” de Wilhelm Hünermann sobre os cregos “mártires” da Revolución Francesa, unha biografía de Judith Stein, filósofa xudea convertida ao catolicismo e gaseada polos nazis, “Peter” de Gregorio Perucha, todo un alegato antiabortista… Nunca esquencerei a tarde na que unha compañeira, Marta, con 12 anos, dixo basta e plantoulle cara á bruxa defendendo os dereitos da muller. Que valentía a daquela rapaza.
O programa docente da bruxa incluía como actividade ler a prensa, seleccionar noticias vencelladas á relixión e integralas no caderno de cada quen. No meu aínda están pegados os recurtes con estes titulares: “Un obispo italiano llamó esclava del mal a las mujeres de hoy” (El Correo Gallego, 11-XII-1989), “Nazismo, marxismo y el Diablo causas de la II Guerra Mundial”, según el Papa” (Diario de Pontevedra, 27-X-1989), “El Papa pide que los cristianos no apoyen a los narcotraficantes” (ABC, 2-XI-1989), “Angelito regordete pide a los italianos ayuda económica para la Iglesia. Dibujos animados informarán sobre la asignación tributaria” (ABC, 31-3-1990), “El Comité Europeo de la Enseñanza Católica contra la LOSE” (ABC, 31-3-1990), “El Papa advierte contra el recrudecimiento de los nacionalismos” (La Voz de Galicia, 14-I-1990), e así sucesivamente. Todo moi actual como podedes comprobar.
Pero a bruxa non se conformaba con dar a ler a un neno de 12 anos un libro de 300 páxinas sobre Judith Stein e a fenomenoloxía, cun marcapáxinas coa faciana de Escrivá de Balaguer; humillar a alumnas doutros credos relixiosos ou converter a aula nun parapeto antiabortista e anticomunista. Non. Na súa Cruzada proselitista tentou captar alumnos inxenuos para a Causa. De xeito sutil, ofeceunos participar un sábado pola mañá nunha actividade deportiva. O noso grupiño, abraiados como estabamos co básquet e a NBA, alá fomos. Un autobús de luxo na praza do Concello agardábanos para levarnos a unhas instalacións deportivas fóra da cidade. Había uns monitores un chisco raros que non che deixaban tocar o balón se dicías un taco. Á volta dixéronnos que organizaban máis cousas, que polas tardes podiamos ir ver uns vídeos que poñían eles. A nós todo aquilo pareceunos un coñazo e pasamos de voltar. Co tempo, dinme de conta que a bruxa, fidel militante do Opus Dei, tentaba captar alumnos aproveitando o seu traballo nun colexio público.
Acordeime deste personaxe infame na sala adicada a Castelao, na pinacoteca que vos comentaba ao principio. Alí está exposto un cadro marabilloso dos anos 20 no que o xenial rianxeiro capta a fasquía da paisaxe d’O Paraño (límite entre as provincias de Ourense e Pontevedra) con esa luz de solpor invernío, con ese azul violáceo que se proxecta contra as moles graníticas de Galicia. Eu tentei copiar ese cadro d’O Paraño como traballo de clase de Manualidades en Oitavo. A bruxa nacionalcatólica nunca viu con bos ollos esa lámina.
Un Estado moderno democrático non pode aceptar que estas bruxas e bruxos, estes fanáticos, beatos e salvapatrias actúen novamente de roncos (varelas) apodrecendo dende dentro o sistema educativo público, dando pábulo a discursos ultramontanos que atentan contra os máis básicos dereitos da cidadanía.