Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 01/01/2021 | Actualizada ás 22:00
Como responden ameixas e berberechos a eventos meteorolóxicos extremos como as ondas de calor? Esta é a pregunta á que tratou de dar resposta a investigadora do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo Rula Domínguez, ao abeiro do proxecto ‘Marisco - Bancos de marisqueo en Galicia: prevención de riegos producidos por eventos extremos sobre especies comercialmente importantes’, financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade e que tivo como principal obxectivo estudar os efectos deste tipo de eventos sobre as capturas dos bivalvos durante as últimas dúas décadas. Datos das súas investigación revelan que ameixas e berberechos están seriamente ameazados polos efectos do cambio climático.
As previsións da comunidade científica internacional sinalan que as ondas de calor aumentarán en duración e frecuencia as próximas décadas, afectando tamén os ecosistemas costeiros e, especialmente, os organismos intermareais que viven preto dos seus límites de tolerancia térmica, e nos que se esperan modificacións da súa fisioloxía e comportamento, o que pode provocar fortes impactos ecolóxicos e económicos en especies de bivalvos comerciais, como o berberecho e as ameixas babosa, fina e xaponesa (esta última, introducida).
Precisamente sobre estas catro especies centrou a súa investigación en laboratorio Rula Domínguez, focalizada nos efectos letais e subletais da calor durante a baixamar, a temperaturas de 20, 27, 32 e 37 graos centígrados, en ameixas da ría de Arousa e berberechos da de Noia.
Cos experimentos, observou que a ameixa babosa e os berberechos sufriron mortalidades significativas e tamén a diminución máis dramática no seu crecemento e da actividade de excavación.
“Estes efectos da temperatura sobre a mortalidade, o potencial de crecemento e a capacidade de excavación poden aumentar o tempo para acadar o tamaño comercial e a exposición á depredación”, advirte.
A científica considera “evidente que a intensidade e frecuencia das ondas de calor afectarán a estas especies clave” e “cambiarán o funcionamento do ecosistema e as estratexias de xestión da pesca” polo estrés fisiolóxico ao que serán sometidas estas especies por mor do quecemento global.
Pero por que afectaría máis a unhas especies ca outras? Esas respostas diferenciais, segundo o estudo, “estarían relacionadas coas súas diferentes tolerancias fisiolóxicas e estratexias de comportamento, como a profundidade no sedimento e a posición no intermareal [transición entre o ambiente terrestre e mariño]”.
Así, agárdase que a ameixa babosa e os berberechos acaden taxas de mortalidade máis altas, mentres que a ameixa fina, que se atopa normalmente na zona máis alta intermareal e máis profunda no sedimento, sufriría menos mortalidade.
“Nun escenario no que se espera que os eventos de calor aumenten en intensidade e frecuencia, as poboacións destas especies, especialmente as ameixa babosa e berberecho, poden estar cada vez máis en risco con perdas económicas directas asociadas á morte de individuos de tamaño comercial e máis longos tempos necesarios para alcanzar tamaños comerciais”, advirte Rula Domínguez, quen asina a nova achega na revista científica Marine Environmental Research, canda a outros investigadores do Centro de Investigación Mariña da UVigo, do Departamento de Ciencias Biolóxicas da Universidade do Sur de California e do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC en Vigo.
Estes resultados son importantes para o sector marisqueiro, xa que o berberecho e as ameixas fina, babosa e xaponesa son responsables do 80 % das capturas totais de bivalvos realizadas en Galicia e máis do 85 % do valor comercial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.