O 80% das prazas residenciais en entidades de servizos sociais de Galicia son privadas

As mulleres representan o 86,4% das persoas asalariadas en 2017 e o 87,2% en 2018.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/01/2021 | Actualizada ás 12:39

Comparte esta noticia

O 79% das prazas residenciais nas entidades prestadoras de servizos sociais de Galicia son de titularidade privada, segundo a enquisa que publica este martes o Instituto Galego de Estatística (IGE), con datos correspondentes a 2018.

Na categoría de prazas residenciais inclúense aquelas ocupadas por menores en casas de acollida, por residentes en centros de maiores e por residentes en centros para persoas con algunha discapacidade.

O número de prazas residenciais nas entidades prestadoras de servizos sociais con actividade en Galicia a 31 de decembro de 2017 era de 22.074 e aumentou "lixeiramente" en 2018, ata chegar ás 22.123 prazas.

A porcentaxe de ocupación destas prazas é do 95,7% e esta porcentaxe sobe ata case o 100% no caso das prazas públicas (o 98,8% en 2017 e 98,2% en 2018).

As porcentaxes máis baixas de ocupación atópanse nos centros residenciais privados non financiados. Con todo, neste caso supérase o 94% de ocupación nos dous anos do estudo.

O 9,4% das prazas residenciais están ocupadas por persoas de 50 ou menos anos. Por sexo da persoa, esta porcentaxe sobe ata o 15,2% no caso dos homes. Por outra banda, o 59,7% das prazas residenciais están ocupadas por persoas maiores de 80 anos e, neste caso, ao desagregar por sexo, a porcentaxe de prazas ocupadas por mulleres que superan esta idade é superior á de homes (67,4% no caso feminino fronte a 47,1% no caso dos homes).

PRAZAS NON RESIDENCIAIS

Na categoría de prazas non residenciais inclúense aquelas ocupadas por menores en gardarías ou escolas infantís, por maiores que asisten a centros de día e por persoas que asisten a centros que atenden necesidades especiais.

O 69,9% das prazas non residencias totais en entidades prestadoras de servizos sociais estaban ocupadas en 2018 por persoas menores de 50 anos (fundamentalmente, por menores en gardarías).

O 75,1% dos homes que ocupan prazas non residenciais está nesta franxa de idade, mentres que no caso das mulleres a porcentaxe baixa ao 64,4%.

O grupo de maior idade, o composto por persoas maiores de 80 anos, ocupa o 11,6% das prazas non residencias e, como acontecía coas prazas residenciais, a porcentaxe de ocupación feminina neste grupo supera ao de homes.

EMPREGO FEMININO

Nas entidades prestadoras de servizos sociais o emprego feminino supera ao masculino. As mulleres representan o 86,4% das persoas asalariadas en 2017 e o 87,2% en 2018.

Estas porcentaxes baixan ao tratarse do traballo por conta propia; neste caso, o sexo feminino representa o 53,9% das persoas que traballaban por conta propia nas entidades prestadoras de servizos sociais en 2017 e o 51,3% en 2018.

Un dato "a subliñar" que, segundo o IGE, "fai destas unhas entidades especiais", é que as persoas que prestan os seus servizos voluntariamente, sen percibir a cambio unha remuneración, supoñen o 29,4% do persoal empregado por estas entidades en 2017 e o 28% en 2018, "porcentaxes moi elevadas se se comparan con outro tipo de entidades".

A maior parte dos ingresos das entidades prestadoras de servizos sociais proceden de ingresos correntes por prestación de servizos (o 81,8% do total).

Con respecto aos gastos, a partida que máis pesa é a de gastos de persoal: os soldos e salarios dos traballadores destas entidades supoñen o 66,8% en 2018. Os gastos en aprovisionamentos supoñen o 17% dos gastos totais e os partida servizos exteriores supón o 16,2% restante.

En 2018, as entidades prestadoras de servizos sociais investiron 69.394.000 euros en inmobilizado material e inmaterial. A maior parte do investimento realizado en 2018 por este tipo de entidades corresponde ao grupo de institucións privadas sen fins de lucro, co 61,9% do investimento total, seguido do grupo das sociedades, que realizaron o 37,9% do investimento total.

O 47,2% das institucións prestadoras de servizos sociais con actividade económica en Galicia espera investir menos en inmobilizado material para o ano 2020. Ningunha persoa física das enquisadas ten intención de investir máis en inmobilizado inmaterial, mentres que a 33,3% espera investir máis en inmobilizado material.

Traballadores do servizo de prevención de indencios da Xunta realizan tarefas de desinfección en centros de saúde e residencias de concellos de menos de 5.000 habitantes. XUNTA
Traballadores do servizo de prevención de indencios da Xunta realizan tarefas de desinfección en centros de saúde e residencias de concellos de menos de 5.000 habitantes. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta