O debuxante Kiko da Silva denunciará ao líder do PP de Pontevedra por insinuar que foi contratado a "dedo"

O líder popular recibiu a demanda case un ano despois das súas denuncias de "amiguismo" entre BNG e o ilustrador, de quen dixo ademais que era "membro" da formación nacionalista.

Por E.P. | Pontevedra | 09/01/2021 | Actualizada ás 13:19

Comparte esta noticia

O debuxante Kiko da Silva presentou unha demanda contra o presidente do PP da cidade de Pontevedra, Rafa Domínguez, porque hai case un ano insinuou que o Concello, gobernado polo BNG, lle adxudicara "a dedo" e por "amiguismo" --o ilustrador participou na candidatura nacionalista para as últimas eleccións xerais-- o deseño da campaña do Entroido de 2020.

A través dun comunicado, Domínguez confirma a recepción desta demanda, da que di "non o amedrenta", e lamenta "profundamente a xudicialización da vida política local". Neste sentido, lanza unha advertencia ao Bloque: "Aos xulgados podemos ir todos".

"O que non poden pretender é tratar de obstaculizar o noso traballo, e menos cando foron os pontevedreses os que nos elixiron para levar a cabo unha función de control sobre o que acontece no Concello", engade o líder do PP local. De feito, Rafa Domínguez avanza que os populares "sacarán máis contratos" que xa están "a estudar ao detalle" e insiste en que nin o "acovarda" esta demanda nin lle "intimida este tipo de estratexias".

"A súa intención é que deixemos de botar luz sobre máis adxudicacións como esta (a Kiko da Silva), un labor que entra dentro do cadro de funcións que como oposición temos que realizar. Repito: ao xulgado podemos ir todos en calquera momento", insiste o presidente do PP local.

O debuxante reivindicou nas redes sociais a súa "longa carreira profesional" e defendeu a legalidade do contrato para a campaña do Entroido de 2020 por 4.400 euros, á vez que criticou que "o que lles molesta (ao PP) é que ideoloxicamente sexa simpatizante do BNG". Non en balde, Kiko da Silva tamén ironizou con que os populares non levasen estas denuncias ao Concello veciño de Marín, onde si gobernan, xa que un ano atrás lle encargou a elaboración dunha banda deseñada.

Rafa Domínguez, candidato do PP en Pontevedra, e Pepa Pardo, o seu número dous. PP DE PONTEVEDRA
Rafa Domínguez, candidato do PP en Pontevedra, e Pepa Pardo, o seu número dous. PP DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 ppcracia

Os contratos a dedito na administración son a regra xeral co beneplácito de sus señorías....

1 José

Hai que ser samesuga.., vaia rostro este pepero