Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2024 | Actualizada ás 19:01
A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) presentou a campaña 'Que a vergoña cambie de bando', en colaboración co Concello de Barbadás, nun acto celebrado na Casa da Mocidade deste concello.
Esta campaña presentouse coincidindo coa conmemoración o próximo 25 de novembro do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Con ela desde a Fegamp "quérese pór o foco nos homes, interpelando con firmeza e respecto para que se avalíen, sensibilizar e reaccionen ante preguntas que contribúan a facer entender que a violencia de xénero está presente en moitas situacións e circunstancias".
"Quere ser un chamamento para que se denuncien todas as formas de violencia contra as mulleres e para que se acaben os silencios cómplices", subliña. A campaña pivota sobre a frase "Que a vergoña cambie de bando", pronunciada por Gisele Pelicot, muller violada polo seu marido e por decenas de homes en Francia, no xuízo contra eles.
Na parte central do acto de presentación da campaña interviñeron a vicepresidenta executiva da Fegamp e alcaldesa de Betanzos, María Barral, e o alcalde de Barbadás e membro da comisión Executiva da Fegamp, Xosé Carlos Valcárcel.
A vicepresidenta da Fegamp na súa intervención reafirmou o "compromiso de todo o municipalismo galego para pór fin á violencia contra as mulleres, como obxectivo irrenunciable", fronte aos discursos e actitudes machistas e negacionistas, "xa que a pesar dos avances, é evidente o moito que queda aínda por facer, desgraciadamente".
Pola súa banda, o alcalde de Barbadás sinalou que a Fegamp presenta unha campaña "pioneira" coa que se quere "reforzar a sensibilización e o traballo conxunto para erradicar a violencia de xénero" e destacou a importancia de que esta campaña se presente neste municipio polo "recoñecemento" ao mesmo na promoción da igualdade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.