Debate ético ou profesional: están obrigados a vacinarse os sanitarios que non queiran facelo?

Núñez Feijóo anunciaba que se “tomará nota” daqueles profesionais da medicina que non queiran vacinarse contra a COVID. Profesionais sanitarios falan de "ameazas veladas" e alegan motivos sanitarios como alerxias a algúns compoñentes das vacinas e tamén o dereito persoal a elixir vacinarse ou non.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 20/01/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, declaraba o mércores 13 de xaneiro que sería moi “sorprendente” que houbese profesionais sanitarios renunciando á vacina contra a COVID-19. Aínda máis, o xefe do executivo galego aseguraba que “se tomará nota” dos e das profesionais que rexeiten as doses contra a COVID. Por outra parte, Feijóo cualificaba de “privilexiados” aos receptores sanitarios das vacinas, pois serán eles quen subministren as doses ao resto de galegos e galegas. Todo isto ocorría o día de inicio para a vacinación do persoal sanitario cunha previsión de 6.000 profesionais cubertos coas correspondentes doses para ese mesmo día.

Noticia do semanario francés Courrier Internacional sobre a 'vacinación obrigatoria' da proposta de lei de sanidade do PP
Noticia do semanario francés Courrier Internacional sobre a 'vacinación obrigatoria' da proposta de lei de sanidade do PP | Fonte: Courrier International

PRESIÓN AO PERSOAL

As organizacións sindicais entenden as palabras do presidente da Xunta como unha maneira de presionar ao persoal sanitario. A pesar da súa posición a favor da inmunización de todo os integrantes do SERGAS, entenden o rexeitamento a recibir a dose por parte dalgúns membros do servizo público de saúde. “Aquelas persoas que non se vacinaran tiñan que asinar un documento onde se alegaban os motivos da negativa” di Mily Lamas de CCOO. “Protestouse ante esta actitude das autoridades primeiro porque as razóns son persoais e tamén porque non se explica cal é o motivo de recadar esta información”.

“Chamar privilexiados ao persoal por seren dos primeiros en ser vacinados é unha maneira de buscar culpables por se pasa algo” di María Xosé Abuín de CIG Sanidade. “Nós animamos a recibir as doses de inmunización, mais hai que ter en conta que tamén falamos dun dereito individual”. María Xosé Abuín subliña a falta de datos por parte do SERGAS sobre o número de persoal que rexeitou vacinarse.

“Esta semana o persoal de primeira liña, profesionais que atenden directamente ás persoas contaxiadas, recibiron as súas doses” di Javier Martínez de UGT Sanidade quen ve parte da explicación a rexeitar a inxección en que “hai xente con alerxias que ten medo a posibles reaccións sobre todo cando se avisou con moi pouco tempo para vacinarse”. Desta maneira, aqueles profesionais con alerxias e sen documentos acreditativos dos alergólogos, non querían arriscar.

Vacina, vacinación, gripe, enfermidade, enfermeira, inxección
Vacina, vacinación, gripe, enfermidade, enfermeira, inxección

A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC), comunican que si teñen constancia “dalgúns compañeiros que por motivos diversos rexeitaron a vacina”. Os motivos que apuntan antecedentes de reaccións alérxicas, falta de seguridade ou situacións puntuais por baixa de defensas.

O Colexio Oficial de Médicos da Coruña transmitiu o respecto ao dereito individual de vacinarse ou non. Non obstante, o Colexio como institución de ciencia e de ética recomenda a vacinación sen deixar de respectar as decisións individuais dos seus colexiados. Pola súa parte desde o Colexio Oficial de Médicos de Ourense, aínda que tamén se respecta o dereito individual a non aceptar a dose contra a COVID, remarcan que non hai razón científica e razonable para rexeitar a vacinación.

FALTA DE INFORMACIÓN

Desde o gabinete de prensa da Consellería de Sanidade din ter coñecemento de persoal que rexeitou a vacinación. Desta maneira o departamento que dirixe Julio García Comesaña está realizando un estudo sobre quen non quixo aplicar a dose contra a COVID e as motivacións que puidera haber detrás. Iso si, remarcan que a vacina non é obrigatoria. Desde o gabinete de prensa de Sanidade indican que non se ten aínda un número concreto de persoal que non quixese aplicar as doses pertinentes contra o coronavirus.

As palabras do presidente da Xunta non sentaron ben aos colectivos laborais que representan ao persoal do SERGAS. “Non nos parece de recibo ese tipo de declaracións que semellan algo a matonismo” din desde AGAMFEC, que conclúen “o meirande problema é a dispersión da poboación e a falla de contratacións de persoal de enfermería para levalo adiante”, en referencia ao programa de vacinación.

“Vemos unha ameaza velada que nun futuro pode ter repercusións laborais” sinala Mily Lamas. “Ademais, cremos que a Consellería non fixo unha boa pedagoxía sanitaria para informar sobre a vacina”. Nun mesmo sentido se manifesta María Xosé Abuín insistindo en que “a información non se transmitiu correctamente” e como exemplo pon información a mulleres que “buscan ter familia” e quere coñecer as posibles reaccións durante o embarazo.

As forzas sindicais coinciden na necesidade de maior información sobre as doses de Pfizer e Moderna. Tamén coinciden entre elas e coa Consellería de Sanidade que non se ten coñecemento dun número concreto de persoal contrario a inmunizarse. “Temos datos de quen se vacina, por exemplo 5.112 o mércores 13, 6.579 o xoves 14, 6.080 o venres 15 e durante a fin de semana do 16 ao 17, 1.049 persoas” indica Javier Martínez.

A advertencia lanzada por Feijóo a pasada semana non agradou a unha parte importante do persoal sanitario. Considérana unha maneira de buscar responsables en caso de fallos, unha vía de “ameazar” ao persoal sanitario con repercusións laborais no futuro. En tal caso, nin a Consellería de Sanidade nin Colexios oficiais nin organizacións profesionais poden ofrecer un número de profesionais sen vacinar. Isto último é visto, sobre todo por parte dos sindicatos, como un sinal de que ese número sen inmunizar debe ser “residual”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

3 Amodiño

Primeiro, non se pode falar de "vacina segura" cando os estudos feitos non teñen aínda nin un ano. Segundo, dadas as sospeitas de que (entre outros posibles efectos recoñecidos por Pfizer) poida afectar á capacidade reprodutiva, é lóxico que unha enfermeira que teña planeado ter fillos sexa reacia a poñerse isto se antes non se aclaran de forma absolutamente clara e transparente esas sospeitas. E ollo que é un efecto (un máis) recoñecido pola propia Pfizer na documentación que entregou ante o ente regulatorio yanki, non é conspiración ningunha.

1 Gan Dhul

Mira, se pensas niso non comes nin tomas nada. Son reacios a poñer unha vacina pero métense unha ralliña de farlopa como se nada, ou fuman un porrete como quen toma un vaso de auga. Na elaboración desas substancias úsanse todo tipo de produtos químicos carcinóxenos, que afectan á reprodución, etc, etc. Compras un carrete de pesca e abaixo na caixa pon: segundo as leis de California este produto ten substanciás que producen cáncer e infertilidade. Iso si para Europa nada. Unha simple aspirina de Bayer ten as mesmas contraindicación que a vacina de pfizer e ninguén di nada. Xa non digamos a cantidade de antidepresivos, somníferos e demais metralla que aquí toma a xente como se fose leite con cola cao. Menos hipocresía é o que fai falta. E xa digo, cada un é libre de facer o que queira sempre que iso non implique fastidiar os demais.

2 Sentidiño

Amén, Flan Dhul. Só unha matización: non é menos hipocresía o que fai falta, senón menos ignorancia. Os escépticos da ciencia prescinden da racionalidade, actúan como se Aramís Fuster ou a bruja Lola fosen madame Curie. Só os criminais confunden o seu benestar co benestar da sociedade.

2 Gan Dhul

A liberdade de cada un é sagrada. Pero a liberdade de cada un acaba onde comeza a dos demais. Un é libre de non vacinarse pero xa non é libre de ir contaxiando os demais. Se un sanitario (sen razóns obxectivas) non pon a vacina non debería exercer o seu labor e menos con xente máis debilitada que os demais (por iso están nos hospitais). Se non pos a vacina dedícate a ser pintor, músico ou poeta...

1 ANTIVACINAS FORA

Se nos quitan as vacinas e a electricidade nos meten na edade media, no medioevo meus... se non queren vacinas que lles metan supositorios... estan unha nai e o seu fillo infectado con petequias e pustulas infecciosas por todo o corpo e pregunta o medico que e o que pasa co seu fillo e o medico dille coma non vacinaste o neno agora ten o sarampelo, e a nai di quero unha segunda opinion e o medico contestalle e vostede idiota!!!