Folga xeral nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal pola morte da industria: "non caben máis demoras"

CIG, UGT e CC.OO. xustifican esta medida ante "a situación de emerxencia social e económica" deste territorio.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2021 | Actualizada ás 11:32

Comparte esta noticia

Os sindicatos CIG, CC.OO. e UXT convocaron unha folga xeral nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal para o 25 de febreiro, ante "a situación de emerxencia social e económica" que padece esta zona.

A través dun comunicado conxunto, as organizacións sindicais lamentan que as súas "análises, por desgraza, están a cumprirse", en alusión á intención de Endesa de pechar a súa central térmica nas Pontes, a presentación dun Expediente de Regulación de Emprego (ERE) extintivo para a totalidade dos traballadores da planta de Simenens Gamesa nas Somozas, ao que se une a falta de carga de traballo no sector naval e "o peche continuo de empresas e negocios, coa consecuente perda de postos de traballo e recursos económicos e sociais".

Segundo os sindicatos, a situación na que se atopa todo o norte da provincia da Coruña "necesita de solucións urxentes, e estas existen e ademais están mais que discutidas e plasmadas en centos de documentos". "Está no tellado, tanto do Goberno central como da Xunta, o polas en marcha", avisan.

"Non caben máis demoras, non caben máis debates estériles, só vale actuar, e iso é o que demandamos: carga de traballo para o naval, unha transición ecolóxica xusta, sen perda de postos de traballo", expoñen.

Así mesmo, reclaman "proxectos de enerxías renovables que leven acompañados proxectos industriais", infraestruturas que "se deben desde hai décadas, así como investimentos que atraerían proxectos industriais", sen esquecer "un plan integral da ría de Ferrol que faga revivir o sector marisqueiro".

Por último, estas organizacións advertiron que non van parar " ata ter feitos concretos". "Acabouse o tempo das promesas e dos incumprimentos. Non estamos dispostos a asumir que as nosas comarcas morran por inanición, e por iso o noso chamamento a unha folga xeral, xa que nos xogamos o poder compartir a vida cos nosos fillos e veciños, ou asumir que teñen que emigrar", finalizan.

Protesta dos hostaleiros de Ferrol
Protesta dos hostaleiros de Ferrol | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta