Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 07/04/2025 | Actualizada ás 21:50
Donald Trump volveu colocar o proteccionismo comercial no centro do debate económico global. A recente decisión do presidente dos Estados Unidos de impor aranceis a produtos europeos volve poñer en cuestión o equilibrio dunha economía mundial cada vez máis interconectada. A medida, que busca protexer a industria estadounidense fronte ás importacións, podería reactivar unha guerra comercial a grande escala, como a que xa viviu o mundo durante o seu anterior mandato, pero a maior nivel. A ameaza non é abstracta: sectores estratéxicos para Galicia como a automoción, o téxtil ou a agroalimentación poderían verse directamente afectados se as exportacións galegas pasan a enfrontarse a maiores barreiras nun dos principais mercados internacionais. Máis aló do ruído político, xorden preguntas clave: que impacto real poden ter estes aranceis na economía galega? Para tratar de dar resposta a esta e outras cuestións, Galicia Confidencial fala co economista Alberto Vaquero, profesor da Universidade de Vigo (UVigo), que analiza as consecuencias deste novo xiro proteccionista e o seu posible efecto no tecido económico galego. Nun momento de incerteza crecente, a diversificación, a unidade europea e a preparación para posibles 'contramedidas' aparecen como claves para afrontar un escenario tan cambiante como preocupante.
"A MEDIDA TOMADA POR TRUMP É MÁIS UNHA DEMOSTRACIÓN DE PODER; NUNHA GUERRA COMERCIAL EN BASE A ARANCEIS, NINGUÉN GAÑA"
O primeiro que confesa Vaquero é que, "dende a óptica económica, cústame moito entender a medida tomada, sobre todo porque hoxe en día non hai economías pechadas, senón que operamos nun mercado globalizado e interdependente". Precisamente por iso, considera que a actuación de Trump "máis ben semella responder a unha cuestión política, máis que económica", pois "non creo que se teñan avaliado correctamente as súas implicacións económicas". Para o economista, "pode que esta estratexia sexa asumible cando se negocia entre empresas", pero advirte de que "a economía mundial non é unha empresa". Deste xeito, resalta que "as actuacións que se toman na contorna empresarial non adoitan servir cando se trata da economía mundial". Así as cousas, "a medida tomada por Trump é máis unha demostración de poder", asevera, incidindo no feito de que, "nunha guerra comercial en base a aranceis, ninguén gaña, tal e como se ensina dende o primeiro intre nas facultades de economía e dirección de empresa". "Ningún país é autosuficiente, polo que, no canto de mellorar a produtividade das empresas, cando se recorre aos aranceis trátase dunha moi mala decisión, xa que isto tradúcese nunha posición moi agresiva que non é boa para ninguén".
Ao preguntarlle sobre os sectores que se verán máis afectados, Vaquero sinala a que, "directamente, en España, serían os sectores do automóbil, o aceiro, o aluminio, o viño e o aceite e os bens de equipo", pero advirte de que "isto é só o comezo", pois "aos efectos directos hai que sumar os indirectos". Dende o seu punto de vista, "ese é o verdadeiro problema, xa que sobre os primeiros pódese actuar ao coñecer a incidencia directa, pero hai moita máis incerteza sobre os segundos". Así, aínda que confesa que "non sabemos claramente como vai rematar a incidencia no resto da economía", xa adianta que "a cousa non pinta ben". No ámbito galego, tamén considera que haberá repercusións sobre "o sector da automoción, a fabricación de certos produtos metálicos e o viño". Como detalla, "en Galicia estamos expostos en certos produtos, pero non temos o problema doutras comunidades autónomas como Cataluña ou a Comunidade Valenciana que si que exportan moito máis aos Estados Unidos". Con todo, convida a "non relaxarse, porque afectar vainos afectar, e bastante".
"A CORRECCIÓN VAI CHEGAR POLAS PRESIÓNS INTERNAS DA PROPIA ECONOMÍA NORTEAMERICANA, XA QUE CONSUMIDORES E EMPRESAS VAN SUFRIR MOITO"
E, "aínda que o efecto final aínda é complicado anticipalo, dende logo haberao, e iso que aínda faltan por coñecer as 'contramedidas' a adoptar dende a Unión Europea". Por iso, dende o ámbito galego, recomendaría ás nosas empresas "buscar novos mercados e evitar, na medida do posible, os aranceis norteamericanos". Aranceis que, por outra banda, Vaquero cre que "non se aplicarán durante moito tempo", pois "facelo resultaría unha estratexia pouco lóxica". Así mesmo, aposta pola "necesidade de mellor a nosa produtividade, tratando de reducir os nosos custos e defender os nosos produtos como algo diferente e de calidade". "A diversificación comercial é a clave", resalta. Ante estas circunstancias, habería empresas galegas cuxa viabilidade realmente chegase a perigar polos aranceis anunciados por Trump? O profesor da UVigo asegura que "todo dependerá do seu grao de exposición", pero, na súa opinión, "non creo que isto supoña a desaparición de empresas", se ben "si un descenso na facturación e beneficios".
Pero tamén se amosa confiado en que "isto tense que reconducir", pois "o que fixo é unha demostración de alguén que quere cambiar as cousas, pero actuando moi á lixeira e sen a debida cautela". Tanto é así que o economista está seguro de que "a corrección vai chegar, sobre todo, polas presións internas da propia economía norteamericana, xa que os consumidores e as empresas americanas van sufrir e moito as medidas tomadas". Con todo, Vaquero tamén considera que o feito de que as presións internas poidan levar a Trump a cambiar de parecer e retroceder nas decisións arancelarias tomadas, non pode facer que Europa, España ou Galicia queden de brazos cruzados agardando. "Debemos actuar, pero, dende logo, a fiabilidade comercial que ata o momento tiña a economía norteamericana quedou en entredito", resalta, e asegura que "non se pode dirixir un país coma se fose unha empresa".
"O VERDADEIRO PROBLEMA CHEGARÁ SE OS PAÍSES, DE MANEIRA INDIVIDUAL, SE DESMARCAN PARA INTENTAR INDIVIDUALMENTE REDUCIR OS ARANCEIS"
Así, convida a "ver que medidas se van tomar dende a óptica pública", apostando por "que dende a Unión Europea haxa unha única voz e interlocución". "O verdadeiro problema chegará se os países, de maneira individual, se desmarcan para intentar individualmente reducir os aranceis", sinala. "A nosa mellor baza é a unidade europea", conclúe. Entón, como considera Vaquero que deberían respostar as administracións públicas ante esta ameaza económica? "Primeiro, non entrar en pánico, pero si estar preparadas para poder actuar con contramedidas, localizando os sectores máis afectados; segundo, manter a coordinación entre administracións públicas, sempre seguindo as recomendacións da Unión Europea; e, terceiro, levar a cabo negociacións sempre cunha soa portavocía", expón. Para o economista, "a unión --neste caso, a Unión Europea--, fai a forza".
Polo de agora, o profesor da UVigo rexeita falar aínda de guerra comercial, pois considera que, "máis que unha guerra comercial, o que ata agora vimos é unha primeira escaramuza, na que uns xogadores marcaron unha posición moi agresiva con respecto ao resto". "Non se trata dunha posición entre dous países, senón a dun mandatario dunha das economías máis potentes contra a maior parte das economías", sinala. Ademais, para Vaquero "tampouco está claro como se calcularon o que se viñeron chamar 'aranceis recíprocos'", polo que "non hai moita transparencia para que os economistas poidamos entender como se chegou a estas porcentaxes". Por outra banda, destaca que "resulta paradóxico que unha economía como a norteamericana, que sempre foi un adaíl da competencia económica, acuda aos aranceis para mellorar a súa posición". "A política arancelaria é a medida para os países proteccionistas, non para aqueles que defenden o libre comercio e a liberdade de competencia", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.