Falece Anxo Guerreiro, histórico líder comunista e un dos pais do Estatuto

'Geluco', como así o coñecían os seus amigos, foi un destacado activista contra a represión franquista e en 1981 converteuse no primeiro deputado comunista no Parlamento Galego.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 18/07/2013 | Actualizada ás 12:47

Comparte esta noticia

A esquerda galega perde a un dos seus actores máis destacados das últimas catro décadas. O histórico líder comunista Anxo Guerreiro Carreiras, 'Geluco' (Xermade, Lugo, 28 de agosto de 1945) finou a pasada madrugada. Segundo fontes próximas ao histórico político consultadas por EP, Guerreiro estaba enfermo e, malia que "mellorara", o seu estado de saúde era "delicado".

Anxo Guerreiro
Anxo Guerreiro | Fonte: Hardebits

Guerreiro afiliouse ao Partido Comunista nos seus anos mozos, da man do histórico Rafael Bárez e de Arturo Reguera, cando foi estudar a Santiago de Compostela a carreira de Químicas. Alí, e inspirados polo maio do 68 francés, protagonizou xunto cos seus camaradas unha intensa vida política na clandestinidade e de resistencia contra a ditadura franquista que o levou ao cárcere da Coruña en tres ocasións.

A súa afouteza levouno a principios dos anos 70 a formar parte do comité central do Partido Comunista Galego e a converterse nun referente da loita antifranquista, tanto en Santiago, como tamén en Vigo e Ferrol, á fronte das protestas contra a represión.

Guerreiro pasaría logo a formar parte do comité central do Partido Comunista en Madrid e xa en 1979 foi elixido secretario xeral do Partido Comunista de Galicia, converténdose en 1981 no primeiro deputado comunista do Parlamento galego. 

Guerreiro formou parte tamén da comisión de 16 persoas que redactou o Estatuto de Autonomía galego, e posicionouse como partidario do eurocomunismo.

En 1986 fundou Esquerda Unida-Esquerda Galega, formación que abandonaría en 1997 tras atopar a oposición da dirección federal de Izquierda Unida e do seu líder, Julio Anguita, ao pacto de coalición cos socialistas para as eleccións autonómicas daquel ano. Guerreiro decidiu entón abandonar esta formación e fundar Esquerda de Galicia, á que representou na súa volta ao Parlamento galego; foi un dos deputados máis destacados e recoñecidos daquela lexislatura. Porén, no ano 2001 atopouse coa negativa dos socialistas para renovar o pacto de coalición e Guerreiro presentouse coa súa formación en solitario a aqueles comicios, nos que os malos resultados o levaron a dimitir do seu cargo e, posteriormente, a disolver Esquerda de Galicia en 2002.

Nos últimos anos, Anxo Guerreiro foi colaborador habitual de varios medios de comunicación como analista político. E foi un dos fundadores da asociación cultural Namentras no ano 2009.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 19 comentarios

4 xavierinho

RIP, Descanse en paz

3 XanKaraLlás

Anxo Guerreiro merece respeto pero era un "descafeinado", un tipo que apoiaba a política do PSOE, non un comunista aínda que militara hai tempo nun PCG-PCE xa descafeinado naquela altura, que dera a súa aprobación á actual constitución, partidario de dar apoio sen condicións á política -nada esquerdista- do PSOE, é dicir, renunciara á súa propia identidade como partido para ser un simple caxato de apoio do PSOE, que á súa vez perdera xa toda a súa identidade socialdemócrata (as privatizacións, as socializacións das perdas e privatización das ganancias, o non tocar o máis mínimo os grandes intereses, dicir que baixar os impostos era de esquerdas, o aceptar a política da UE dos recortes sociais...), un PSOE que tanto con Felipe González como con Zapatero se entregou de pes e mans ao neoliberalismo, aceptando os seus presupostos ideolóxicos. Pois ese foi Anxo Guerreiro, especialmente nos últimos tempos.

1 Teo Dosio

Que bordes sodes os da UPG

2 Teo Dosio

Estou ata os ****** do captcha de GC.

3 XanKaraLlás

Teo Dosio, non digas parvadas. Eu NON son da UPG, eu son votante de Alternativa Galega de Esquerdas.

2 mincinho

DEP. Mas nom foi o primeiro deputado comunista no parlamentinho. Nessas mesmas eleições, o BNPG-PSG ficou lá o dobre de comunistas (2 :P ) có PCG, Bautista Álvarez e Lois Diéguez, e mais um socialista, Claudio López Garrido.

1 antiburras

Pero era cando Pacorro dicía: Parlamentiño de cartón e eses tres non foron ao Parlamento.

2 Costadamorte

antiburras: Foron ao parlamento e expulsaronnos depois do golpe de estado, (ilusos que vos creíchedes que fracasara!)... O de Tejero foi un paripé..., o golpe de verdade o deu o rei co apoio do PSOE, (Múgica e Peces Barba), para consolidar iste réxime que está agora en descomposición...

1 chairego

Anxo seguirás a estar presente eternamente nos nosos corazóns. Fuches un loitador da vella escola e a tua pisada non será borrada nunca. Ata sempre, amigo-