Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/01/2021 | Actualizada ás 19:33
O Xulgado de Instrución Número 1 de Santiago arquivou a querela da empresa Toysal contra o alcalde de Teo, Rafael Sisto; a concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus; e o arquitecto municipal en relación coa propiedade dun camiño que atravesa unha explotación mineira.
Esta denuncia presentábase por supostos delitos de falsidade documental, prevaricación, malversación de fondos públicos e coaccións respecto da actuación do Concello sobre a custodia e mantemento do camiño público que cruza o espazo da concesión mineira Casalonga.
Nun auto con data do 27 de xaneiro, a xuíza acorda sobresemento e arquivo desta causa ao non apreciar indicios de delito. Cabe recurso contra esta decisión.
Respecto diso, a xuíza considera que os denunciados "actuaron sempre coa convicción da titularidade municipal do viario controvertido".
Tras esta decisión xudicial, o alcalde de Teo e a concelleira mostraron a súa satisfacción por esta resolución, á vez que se comprometen a seguir traballando "polo ben común".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.