Por Europa Press / Redacción | VIGO | 02/02/2021 | Actualizada ás 17:59
Expertos en Medicina Preventiva e Epidemioloxía advertiron de que a eficacia dos cribados poboacionais pode estar en risco "se non se afina o suficiente" e se buscan casos asintomáticos en grupos moi concretos nos que se detectou unha alta incidencia de COVID-19.
O Sergas está a levar a cabo unha estratexia extensiva de cribados, tanto en pequenos municipios con alta incidencia de COVID como nas grandes cidades, caso da Coruña, Vigo ou Santiago.
Na cidade olívica está a desenvolverse un cribado para o que se prevé citar a 27.000 vigueses (ademais doutras 5.400 persoas doutros municipios da área) e, nas probas realizadas o pasado fin de semana, a taxa de positivos foi de pouco máis do 0,13 % (15 casos). No caso da Coruña onde se anunciou que se citará a 140.000 persoas en próximos días, a porcentaxe de positivos detectados nas probas realizadas o pasado fin de semana foi do 0,28 % (14 casos), e en Santiago, a porcentaxe de casos positivos foi do 0,17 % (11 casos).
Estas cifras resultan rechamantes se temos en conta que A Coruña e Vigo son as cidades máis poboadas de Galicia e, xunto con Santiago, son as áreas sanitarias con maior número de casos de COVID. E contrastan cos datos do Rosal ou A Cañiza, onde con 3.300 probas se detectaron 76 positivos.
CRIBADOS "BEN DIRIXIDOS"
Os expertos consultados por Europa Press sinalaron que "os cribados funcionan ben se están ben dirixidos" e "é moi importante elixir ben a poboación" para "centrar o foco" e "non disparar ao aire". A ese respecto, o preventivista e profesor Juan Gestal puxo como exemplo un cribado "nun barrio concreto, nun grupo de idade concreto" onde se detectou unha alta incidencia de COVID, porque "canto máis se concrete, máis eficaz será o sistema". Para iso, precisou, hai que "atender ao que digan os expertos e estudos epidemiolóxicos".
Por outra banda, Gestal sinalou que, na actual situación, cunha transmisión do virus "descontrolada" e coa circulación de novas variantes, están a darse máis casos de enfermos "sintomáticos", que derivan en maior presión nos hospitais e centros de saúde, e pode facer "menos eficiente" a procura de asintomáticos (obxectivo fundamental dos cribados).
Tamén o portavoz da Sociedade Española de Medicina Preventiva, Saúde Pública e Hixiene, Alejandro Conde, sinalou tamén que "os cribados son máis eficaces cando se fan onde hai máis prevalencia da enfermidade" e para iso, han de terse en conta os diagnósticos xa existentes. "Hai que ter en conta que a COVID non é unha enfermidade de moi alta prevalencia, por exemplo a hipertensión, por iso hai que afinar máis a procura de casos", engadiu, aínda que sinalou que as probas voluntarias están a facerse "en lugares onde se detectou máis incidencia".
BAIXA PARTICIPACIÓN
Juan Gestal subliñou que, á marxe da formulación do modelo de cribado, "hai que concienciar" aos cidadáns para que, unha vez citados, participen nesas probas, e máis tendo en conta de que os niveis de participación nos cribados en Galicia son, salvo excepcións, inferiores ao 70 % das persoas convocadas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.