Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 07/02/2021
O xeito coruñés de facer as cousas, desta volta, semella ben acaído porque non houbo ningún partido a contra. Votaron a prol 17 das 27 persoas concelleiras (PSdeG, BNG, Marea Atlántica e as dúas non adscritas) e abstivéronse os 10 representantes do PP.
Os representantes do pobo da Coruña, ben abeirados nun moi potente informe xurídico da UDC, asinado polos profesores Carlos Aymerich e Carlos Amoedo (Dº Administrativo) e Francisco Caamaño (Dº Constitucional), desbotaban a limitada tendenciosidade manifestada nas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG, 2016 e do Tribunal Supremo(TS, 2019) que anularon algúns artigos da Ordenanza municipal de uso do galego do concello lugués de 2012 que agora recupera substancialmente a normativa coruñesa
Deste xeito, o galego, como lingua propia e oficial do noso País, será a lingua de uso normal e preferente na administración, sinaléctica, comunicación e publicidade do concello coruñes e de todas as súa axencias, fundacións e empresas públicas. Tamén das súas empresas privadas concesionarias de servizos públicos e contratistas, malia que sexan árabes ou chinesas de orixe. O galego será a lingua normal de uso coa cidadanía, de non ser que ésta, no seu lexítimo dereito, opte polo uso do castelán nas notificacións no seu concreto asunto. Por suposto, tendo en conta a vocación turística da Coruña, usarase na publicidade cando cumpra, a outra lingua cooficial-o castelán- canda outras non oficiais, como o inglés.
O mérito xurídico desta normativa é acadar unha interpretación constitucional-estatutaria conforme coa nova normativa, como esixe a acaída interpretación constitucional. E o mérito político é un amplísimo pacto político que só deixa fóra aos extremistas que refugan os nosos dereitos lingüísticos, culturais, políticos e económicos. Para máis, amosando posíbel unha resposta do PSdeG que rexeita a cativa herdanza de Paco Vázquez e apártase da frivolidade cosmopailanista do alcalde vigués Abel Caballero, sendo quen de consensuar co BNG uns parámetros estábeis que definen a praxe posíbel lingüística e cultural do concello coruñes para os vindeiros 15-20 anos.
Agora cómpre levar este pulo á sociedade civil, empresa, deporte e cultura coruñesas para reconciliar de vez a cidade da Coruña (refundada no 1208 polo mellor rei da Galicia, Afonso VIII) coa lingua propia do País do que sempre quixo ser garda, chave e forza.