Por E.P. | PONTEVEDRA | 08/02/2021 | Actualizada ás 15:29
A unión temporal das empresas Puentes, Copasa e Ogmios foi a adxudicataria do contrato para a fase 1 de ampliación e reforma do Hospital de Montecelo, en Pontevedra. Esta primeira etapa, que comprende a construción dun novo edificio de dez plantas, saíu a licitación en decembro de 2020 por case 130 millóns de euros cun prazo de execución de 42 meses. Aínda que o período de realización mantense, o proxecto foi adxudicado finalmente por uns 121,87 millóns de euros.
Segundo a acta de proposta de adxudicación, foi a unión do tres empresas galegas a que alcanzou "unha maior puntuación, tanto económica como técnica", aínda que a Axencia Galega de Infraestruturas, encargada do proceso, subliñou que "ningún dos licitadores incorreu en valores anormais ou desproporcionados".
Coa construción do novo edificio e a remodelación das actuais instalacións, a superficie para uso sanitario do que se acuñará como 'Gran Montecelo' pasará dos 79.500 metros cadrados -sumando as dimensións do Hospital Provincial aos 118.000 metros cadrados.
Así, haberá un 92% máis de espazo nos box de urxencias, aumentarán nun 57% as habitacións individuais e o número de camas ascenderá a 720 fronte ás 600 actuais. Outra das novidades é a dotación dun aparcadoiro en superficie na parte posterior da edificación, con capacidade para 400 vehículos, e outro adicional a distintas alturas con outras 1.000 prazas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.