Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/02/2021 | Actualizada ás 17:27
A reforma da lei de saúde galega pasou este xoves o seu último trámite previo ao debate no Pleno do Parlamento coa aprobación do informe do relatorio durante unha longa sesión da Comisión de Sanidade na que os grupos de BNG e PSOE volveron a oporse a esta norma, que consideran "autoritaria" e que lexitima un "estado de alarma permanente".
Así o dixeron durante o debate do informe nunha sesión na que só se aceptou unha das 54 emendas que, en total, presentaron socialistas (30) e nacionalistas (24).
Entre os capítulos que máis críticas recibiron está o que alude á tipificación de infraccións en saúde pública e as multas. E é que no texto fíxanse diferentes sancións, entre as que se atopan multas de ata 60.000 euros por saltarse un illamento.
En concreto, a lei establece tres tipos de infraccións: leves (de 1.000 a 3.000 euros), graves (de 3.001 a 60.000 euros) e moi graves (de 60.001 a 600.000 euros). Saltarse unha corentena por parte de infectados ou persoas con síntomas compatibles co coronavirus está estipulado como infracción grave, pero pasará a ser moi grave se se fai de forma repetida ou se produce un dano elevado na saúde pública.
Mentres, o rexeitamento a vacinarse ou facerse probas cando así sexa prescrito por autoridades sanitarias está estipulado como leve (entre 1.000 e 3.000 euros) no caso de que as repercusións tivesen unha "incidencia escasa ou sen transcendencia directa na saúde da poboación", pero poden pasar a graves ou moi graves en función do dano ocasionado.
A multa por non levar máscara márcase nun mínimo de 100 euros, coa posibilidade de incremento en función do incumprimento. E entre outras infraccións leves tamén se atopan: facer botellón, infrinxir os toques de queda, reunións con máis persoas das permitidas, participar en festas que incumpran as medidas aprobadas polas autoridades sanitarias, ou incumprimentos de horarios de locais.
UNHA "ABERRACIÓN"
Durante a súa intervención na sesión, o deputado socialista Julio Torrado afeou aos populares a "falta de vontade de discusión" e explicou que, o único elemento no que poderían "porse de acordo" co grupo que sostén ao Goberno en relación a esta reforma, á que se opoñen, é "en que é unha aberración"
De feito, Torrado considerou que o articulado proposto serve só para "alimentar o delirio bolivariano autoritario" coa intención de "levar a rango de lei o poder absoluto para sancionar, para dirixir e para non ter que dar ningunha explicación", algo que establece un "estado de alarma permanente".
O deputado do PSdeG argumentou a súa oposición indicando que o texto "vulnera dereitos fundamentais e liberdades públicas aproveitando momentos de incerteza e medo", como o actual, e "incorre nalgúns problemas legais" relacionados cos dereitos constitucionais.
Na mesma liña, a deputada do BNG Iria Carreira afeou que a lei "non poña enriba da mesa cuestións de índole sanitaria, se non só punitivas", o que a converte nun "catálogo de sancións" que, ademais, profunda "na culpabilización do pobo galego" en relación á pandemia, en lugar de esixir "máis recursos sanitarios".
Do mesmo xeito que o deputado socialista, a nacionalista viu nesta reforma a implantación dun "estado de alarma permanente pola vía lexislativa", sen que "se impoña un límite temporal fixo máis aló que 'o tempo que sexa necesario'", dixo. Pola contra, criticou, nada di sobre "falta de persoal sanitario" ou de "recursos". "Os instrumentos que pon o PP contra a pandemia son restricións e sancións", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.