Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 12/02/2021 | Actualizada ás 13:39
O historiador Carlos Babío declarou nos xulgados de Betanzos pola querela penal presentada pola familia Franco por "un delito continuado de inxurias e calumnias" pola súa intervención nun programa de televisión no que, di, relatou o recollido no libro "Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio", do que é coautor.
Tras a declaración, Babío denunciou ante os medios de comunicación que é "surrealista" desde o punto de vista xurídico que a investigación plasmada na publicación se utilice na sentenza que obriga á familia do ditador a devolver o pazo de Meirás e, á vez, para que estes presenten denuncias contra el.
"Atopar un adxectivo que cualifique isto é complicado. É o mundo ao revés, un despropósito", lamentou o historiador, que resaltou que existe outra denuncia, por vía civil, que tamén se mantén aberta nun xulgado de Madrid. Na que declarou esta mañá por videoconferencia tamén se tramita naquela cidade e é de tipo penal.
"Desde un poder do Estado, como é o Executivo, pídeseme que achegue o relato; unha xuíza, doutro poder do Estado, dita sentenza recollendo todo o que se di no libro e outro xulgado de Madrid reconverte iso mesmo na posibilidade dun delito", resumiu Babío.
ANORMALIDADE DEMOCRÁTICA
Segundo expuxo, existe unha "anormalidade democrática" na "impunidade" que, di, sente a familia Franco ao presentar denuncias como a que lle afecta xa que, sinala, "podes acabar sentado no banco dos acusados soamente por dicir que había un estado ditatorial, unha cousa tan evidente como esta".
Mentres, a deputada do BNG Mercedes Queixas, xunto a outra decena de militantes nacionalistas, concentrouse ás portas dos xulgados de Betanzos para mostrar o seu apoio a Babío, ao que considera "un referente". "Demostrou que o que dicía é certo, o pazo de Meirás é do pobo e debe volver ao pobo", defendeu.
Queixas manifestou a intención do BNG de "traballar para que sigamos recuperando todo o patrimonio colectivo que acabou de forma fraudulenta en mans da familia Franco" e enumerou a Casa Cornide ou as estatuas do Mestre Mateo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.