Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2021 | Actualizada ás 16:43
O pleno da Corporación de Pontevedra aprobou este luns retirar o nome de Juan Carlos I do rueiro da cidade nun "acto de xustiza, decencia e hixiene democrática". A partir de agora a avenida que levaba o nome do rei emérito pasará a denominarse Virxinia Pereira, en homenaxe e como recoñecemento da cidade á figura desta galeguista e garante do legado de Castelao.
A decisión foi aprobada cos votos do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e do Partido Socialista, mentres que os concelleiros do Partido Popular e o edil non adscrito, Goyo Revenga, votaron en contra. A concelleira de Cultura, Carme Fouces, destacou que "hoxe é un día histórico que quedará gravado no relato da cidade".
A concelleira do BNG defendeu esta proposta tomando como base actuacións da propia Casa Real que apuntan ao cobro de comisións por parte do monarca de "dubidosa procedencia" e que "ocultaba en Suíza para esconder así este diñeiro ao fisco do seu propio reino". Un comportamento que "avergoña" ata aos "monárquicos decentes", dixo.
"CUESTIONADOS"
O portavoz do grupo municipal socialista, Tino Fernández, tamén insistiu en que os principios e valores do rei emérito están "cuestionados" e non polo goberno municipal pontevedrés, senón pola propia Casa Real e o seu herdeiro, Felipe VI, que renunciou á herdanza do seu pai "para preservar a exemplaridade da Coroa", como recoñecía hai un ano nun comunicado "cando se lle retirou a asignación económica e o actual monarca renunciou á herdanza do seu pai".
Pola súa banda, o PP considera que con esta actuación o goberno do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, "co seguidismo e a submisión do PSOE", volve "insultar" a unha persoa, como xa fixo con Mariano Rajoy cando, o entón presidente do Goberno, foi declarado pola pleno "persoa non grata" tras a prórroga por 60 anos outorgada polo seu Executivo en funcións para que Ence manteña a súa fábrica de celulosas sobre terreos de dominio público na ría. Para os populares aquel nomeamento foi o "caldo de cultivo" para unha posterior agresión que Rajoy sufriu nas rúas de Pontevedra.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.