Por Pablo Montaña Prieto | Randufe | 01/09/2013 | Actualizada ás 21:26
Aínda que o inicio da velada non foi demasiado bo, cunha actuación algo frouxa de Baldosa Amarilla e cunha afluencia de xente bastante baixa, todo comezou a rodar no intre en que os Vacalouras, chegados de Teis, subiron ao escenario.
Este foi un dos concertos da noite. Moito ten mellorado esta banda dende que se xuntaron, e iso estalles permitindo facerse un oco nos festivais galegos, e aínda lles queda moito camiño por percorrer. Quizais, de disolverse nos primeiros anos de vida (algo moi frecuente nas bandas noveis) non pasarían de ser unha banda mediocre, coñecida nada máis que por algún que outro concerto no seu instituto. Porén, o esforzo deu o seu froito e o de onte non tivo nada que ver cos comezos da banda. E é máis, apuntan a dar o gran salto dentro de Galicia.
O dos Vacalouras é unha música punk, folk, rock… pero sempre en clave irónica. O mellor da banda, sen dúbida, a posta en escena e as letras. Onte, Gabriel mudou de disfrace máis de cinco veces, Pepe animou o cotarro e Víctor, cinguido nun vestido azul, tocou a guitarra como xa lle gustaría a moitos. Máis discreto estivo o batería. As súas letras estiveron adicadas ao Vitrasa, á Cona de Ramona ou á Festa Rachada. En definitiva, unha boa mestura de gaita, rock e humor.
Tras os de Teis foi a quenda dunha das bandas máis maduras de Galicia, Moon Cresta. Demostraron en Tui que a súa música está á altura da dos grandes artistas. Cancións pegadizas e cunha gran base harmónica. Foi unha pena que a sonoridade do sitio non acompañase, pois as súas cancións soan moito mellor nos discos do que o fixeron onte. Tiveron dous problemas, a guitarra moi baixa e o baixo alto pero distorsionando demasiado. Non obstante, deixaron claro que son unha banda de largo percorrido.
E xa por fin foi o momento de escoitar os de Ribeira. Conseguiron algo bastante difícil, ofrecer un espectáculo diferente ao que nos tiñan acostumados o verán pasado. Comezaron o concerto intercalando cancións do seu último disco coas de sempre. Foron estas últimas as que acabaron por impoñerse, e así o público, con xente de todas as idades, se volcou por completo cos seus “heroes”. Renovaron o seu set-list e interpretaron temas que levaban moitos anos esquecidos, por exemplo Motocicleta Mano ou De Jesusiño fixeron un Cristo. Moito protagonismo de Tucho á voz, e tamén de Tonhito. Como xa é costume, sulfataron o público con Kalimotxo. Desta vez non houbo streap-tease. Pero, subiron a xente para que amosara o cu. E, sorpresa, unha moza rematou por ensinar ata os peitos. Esta é a maxia dos “máis grandes”. Existen rumores de problemas por temas de protagonismo, pero o certo é que a xente quere a todos os músicos da banda por igual, algo do que moi poucos grupos poden presumir, e algo que debería encher de orgullo os Heredeiros. Non faltaron no concerto temas como Quero Josar,Que jallo é, o R-7, Son Maricón, Flor de Primavera… en total tres horas de espectáculo. Agoraphobia foi a banda encargada de pechar a noite.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.