Kizim: un agasallo dende Turquía

A serie “Kizim” é coñecida como “Mi hija” en España. Nunca pensei que escribiría sobre unha telenovela, pero o entusiasmo que trae non é algo nimio durante este tempo de pandemia.

Por Galicia Confidencial | Ribeira | 16/03/2021 | Actualizada ás 11:30

Comparte esta noticia

Para min, Kizim é excepcional por varios motivos. Para empezar, a súa procedencia: Turquía. Nunca vira obras televisivas dese país, e custa un pouco afacerse aos nomes turcos. Pero paga a pena. Cada semana, hai ledicia na espera de que chegue o domingo e se revelen as novas peripecias dos protagonistas.

Protestas en Turquia
Protestas en Turquia

Son un pai e unha filla. Ela ten oito anos cando sabe do seu pai, pois foi abandonada cando era un bebé. El é un home de vida pouco exemplar que non sabía que era pai. Todo cambia cando os dous se coñecen, e a nova relación é dunha intensidade difícil de describir.

Nunca vin a dous actores abrazándose tanto, e nunca vin a dous actores chorando tanto. Asombra o seu talento e a obvia química de cariño, que crea ó instante un certo amor polo seu país. O mesmo fan os outros personaxes (coa excepción que direi máis adiante).

Na serie, hai sabedoría á hora de mesturar tenrura con dureza e comicidade con drama. A música é empregada de forma efectiva, marcando con claridade a presencia do mal, por exemplo. Algúns momentos de emoción pasan á cámara lenta, como se bicaran a mente dos espectadores. Todo está feito con grande profesionalidade e eficacia.

Talvez o único defecto está no elenco de actores. Destaco aos sete principais:

      - a nena, ÖYKÜ, está encarnada por quen é unha das mellores actrices destas idades que teño visto (unha mención para Andrea Fandos, de doce anos, a estrela da excelente obra “Las niñas” que acaba de levar catro premios Goya, entre eles o de mellor película). Beren Gökyildiz é intelixente e encantadora, e deixa no aire o misterio de como pode chorar así, tantas veces como o requira o guión.
     - a amiga de Öykü, a veterinaria CANDAN, está interpretada pola belísima actriz Leyla Lydia Tugutlu. Namora á cámara e aos espectadores cun sorriso irresistible e co seu personaxe, doce e forte a un tempo.
     - o mellor amigo do pai de Óykü, UGUR, é o personaxe máis simpático da serie, un estafador torpe con corazón de neno que alivia as tensións que experimentamos contemplando os golpes da fortuna constantes sobre a nena e o seu pai.
     - o malo da serie é CEMAL, un antigo amigo do pai de Öykü. Por azares da vida, a súa obsesión é destruír a aquel a quen antes quería. O movemento corporal do actor Serhat Teoman, coa cabeza inclinada cun pesar obstinado, crea un malvado moi verosímil.
     - é posible – pero non descarto que me equivoque por completo – que a actriz que interpreta á ASU, a nai de Öykü, sexa o maior contratempo deste proxecto. Talvez o seu personaxe degradado sexa o que realmente resulta difícil de dixerir, pero a ambigua actuación pode realmente estar segundo o gusto do espectador entre o peor ou o mellor do conxunto.
     - a deliciosa profesora SEVGI cobra vida grazas a outra beleza duns trinta anos, a actriz Sinem Ünsal. Tamén son destacables dous alumnos da clase de Öykü: o amable Mertcan e a maliciosa Ílayda.
     - deixo para o final a un actor que é para min a gran revelación dos últimos tempos: chámase Bugra Gülsoy e fai o papel de DEMIR, o pai de Öykü. Maxistralmente dobrado na voz, a actuación deste home extraordinariamente guapo é sinxelamente portentosa. Dende a súa maneira de chorar ate o seu sorriso esplendoroso, este actor posúe un carisma que devora a cámara e engade un valor impagable á serie.


Nada máis. A intuición avísame de que é probable que me equivoque con esta recomendación, e de feito a páxina IMDB soamente outorga unha nota de 6,3 a Kizim/A miña filla. Do que si estou seguro é da ilusión que me produce ver coa miña nai Concha este prodixio turco cando remata cada semana nestes tempos de tristes novas diarias. Confío en que xurda o mesmo efecto en quen decida darlle unha oportunidade a este regalo que chega dende Turquía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta