Yolanda Díaz, a política que despegou grazas a Xosé Manoel Beiras

Pasou de conseguir menos do 1% dos votos liderando en solitario Esquerda Unida en dúas eleccións galegas ( 2005 e 2009) a máis do 14% en 2014 baixo o paraugas de AGE e o liderado do vello líder nacionalista. Todo despois do esfarelamento do BNG tras a Asemblea de Amio.

Por Xurxo Salgado | Santiago de Compostela | 16/03/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Este luns Pablo Iglesias, o líder de Unidas Podemos (UP), revolucionaba o panorama político español. Decidía deixar a vicepresidencia e o seu ministerio para tentar conquistar a comunidade de Madrid. Unha decisión que involucraba directamente a ex edil, ex parlamentaria e deputada galega Yolanda Díaz. A ferrolá leva meses nas quinielas para ser a sucesora de Pablo Iglesias ao fronte de UP. Unha sucesión pactada entre a “intelligentsia” podemita desde que Díaz comezou a despegar nas enquisas tras a súa entrada no Goberno de España como ministra. Pero quen é realmente Yolanda Díaz e como se foi xestando o seu asalto ao altos cumios da política española?.

Yolanda Díaz naceu coa política na casa. Mamouna do seu pai, Suso Díaz, ex secretario xeral de Comisións Obreiras de Galicia e, indirectamente, do seu tío Xosé Díaz, ex-deputado do Bloque Nacionalista Galego. Creceu nun ambiente moi politizado, no barrio obreiro de San Valentín de Ferrol moi vinculado entón aos estaleiros de Astano.
Yolanda Díaz pasaba de obter menos do 1% dos votos nunhas eleccións galegas a case o 14%
Comezou a militar moi nova no Partido Comunista, como o seu pai, e logo en Esquerda Unida (EU). Foi escalando posicións rapidamente dentro de EU e en 2003 é nomeada xa como a cabeza de lista da formación á alcaldía de Ferrol, sendo elixida edil xunto con veterano dirixente Fernando Miramontes.

Beiras e Yolanda Díez na pegada de carteis de AGE
Beiras e Yolanda Díez na pegada de carteis de AGE

ELECCIÓN TRAS ELECCIÓN

En 2005, e respaldada novamente polo poderoso comité local de Ferrol, o máis activo de Galicia, Díaz accede á Coordinacón Xeral de EU en 2005, sendo designada candidata da formación á presidencia da Xunta de Galicia nas eleccións dese ano. Obtivo uns 12.000 votos (0,75%), sendo a cuarta forza política máis votada, tras PP, PsdeG e BNG.

Dous anos despois volve repetir como  cabeza de lista da formación á alcaldía de Ferrol nas eleccións municipais. Obtivo 5.203 votos (o 14,19%) e catro concelleiros. Por primeira vez en anos, os comunistas podían acceder a unha gran cidade galega. Tras formalizar un acordo co PSOE, Yolanda Díaz convértese na primeira tenente de alcaldía con Vicente Irisarri de alcalde. Unha experiencia que será moi curta xa que un ano despois, o 28 de outubro de 2008 o goberno de coalición rachou, permanecendo Irisarri como rexedor en minoría e pasando EU-IU á oposición. Sería o primeiro de moitos desencontros na política galega.

A súa traxectoria en Ferrol fortalece o seu liderado dentro de EU e no 2009 volve ser candidata de Esquerda Unida á presidencia da Xunta de Galicia nas eleccións autonómicas.  Consegue 16.441 papeletas, o 0,99% dos votos pero queda como sexta forza política, tras PP, PsdeG, BNG, UpyD e TEGA.

O GRAN SALTO

Ata ese momento, a traxectoria política de Yolanda Díaz era case descoñecida, máis alá de Ferrol. Pero un feito faría cambiar para sempre o seu sino político que, curiosamente, viría da man da ruptura do BNG na asemblea de Amio.  En 2012 e de xeito moi apresurado, parte daquelas brasas que saíron de Amio lideradas por Xosé Manuel Beiras decidiron montar unha nova candidatura ás eleccións ao Parlamento Galego dese ano. Nacía a Alternativa Galega de Esquerdas, unha coalición entre Anova-Irmandade Nacionalista, Esquerda Unida, Espazo Ecosocialista Galego e Equo-Galicia.  Os seus resultados moveron os cimentos da vella política galega.

AGE acadaba máis de 200.000 votos e nove escanos e se situaba como a terceira forza política por riba do BNG, forza da que obtiña boa parte dos seus apoios. Un éxito no que tivo que ver moito o tirón e a forza dun veterano líder político, o nacionalista Xosé Manuel Beiras.  Algo que recoñecería a propia Yolanda Díaz e o seu amigo Pablo Iglesias. “De Beiras aprendín o sentido de responsabilidade de Estado, a obrigación cívica de intervir desde unha posición de rebeldía en momentos críticos como os desa época”, dicía o xa ex vicepresidente español nunha entevista en 2014 previa ás eleccións ao Parlamento Europeo.

Yolanda Díaz pasaba de obter menos do 1% dos votos nunhas eleccións galegas a case o 14%. E Esquerda Unida, negada elección tras elección a ter representación parlamentaria en Galicia, pasaba de súpeto a ter cinco deputados dos nove que acadaba AGE. Estes comicios e esta alianza política, xurdida da fogueira nacionalista de xaneiro de 2012, serían o experimento que Yolanda Díaz e Pablo Iglesias –asesor da propia Díaz na campaña electoral-- precisaban para poñer en marcha o que hoxe é Unidas Podemos.

O EXPERIMENTO GALEGO PARA MADRID

Precisamente, a experiencia adquirida en Galicia por Iglesias e todo o círculo inicial de Podemos ( Monedero, Errejón ou Bescansa) a través do Centro de Estudios Políticos y Sociales serviría para acadar a peza de caza maior; entrar no Congreso. Iso sería uns anos despois, en 2015, cando acadaron máis do 20% dos votos nas eleccións xerais dese ano.

Mentres, en Galicia, Yolanda Díaz, sempre á sombra de Beiras, estreabase como como vicevoceira de AGE nos cara a cara con Feijóo. Tamén iso foi medido e deseñado no laboratorio de Iglesias; a necesidade de visualizar un "tándem" Beiras-Díaz que, finalmente, axudaría a proxectar a imaxe da política de Ferrol. De feito, o propio Iglesias chegou a asesorar tamén a Díaz nas súas primeiras preguntas a Feijóo nas sesións de control ao presidente da Xunta, coas que marcou un discurso agresivo na liña, tamén, de Xosé Manuel Beiras.

A experiencia adquirida en AGE e a boa sintonía coa cúpula de Podemos fixeron que Yolanda Díaz tamén dera o salto a Madrid.  Primeiro nas eleccións xerais de 2016 nas listas dun novo proxecto político galego, En Marea, que logo acabaría esfarelado e con todo o seu capital político votando polo BNG.  Logo, xa en abril e novembro de 2019 –e pola provincia de Pontevedra que non é a súa de orixe-- nas siglas de Galicia en Común, outro proxecto queimado en Galicia. Eses últimos comicios foron os que lle abriron a Díaz a porta do Goberno de España. Polo camiño deixou tamén moitas brasas, entre elas, a do propio Beiras, que chegou a recoñecer sentirse "traizoado" pola ferrolá que o vetou para liderar En Marea. O caso é que Anova e Beiras están case desaparecidos e Díaz é ministra.

Desde entón, o seu labor á fronte da carteira de Traballo elevou a súa popularidade até o punto de estar mellor valorada que o propio Iglesias entre os votantes de Podemos e doutros partidos, segundo mostraba o CIS do pasado outubro. Unha popularidade colleitada, en parte, pola súa boa relación cos empresarios e os medios de comunicación de Madrid, incluídos os da dereita, nos que non perde a oportunidade de dar entrevistas. Un entendemento que, curiosamente, xa non ten cos medios galegos, principalmente, aqueles aos que acudía cando era unha case descoñecida na política galega.

Yolanda Díaz (EU), Xosé Manuel Beiras (Anova) e Pablo Iglesias (Podemos). EUROPA PRESS - Arquivo
Yolanda Díaz (EU), Xosé Manuel Beiras (Anova) e Pablo Iglesias (Podemos). EUROPA PRESS - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

3 antivello

Un timo mais para o país galego propiciado polo -VIEIRISMO corruptor e expañol... fixeron das nosas desgracias o seu beneficio político, lamentabel exercicio de cinismo exercido polo mandarinato do señorio. AGORA O CASTIGO E PARA GALIZA, pois o goberno non manda os euros que nos tocarian os galegos... nunca a inclita chegou a mais e a Galiza a menos!!!!

2 antivello

Un timo mais para o país galego propiciado polo -VIEIRISMO corruptor e expañol... fixeron das nosas desgracias o seu beneficio político, lamentabel exercicio de cinismo exercido polo mandarinato do señorio. AGORA O CASTIGO E PARA GALIZA, pois o goberno non manda os euros que nos tocarian os galegos... nunca a inclita chegou a mais e a Galiza a menos!!!!

1 Tita Rita

Resumo, o Beiras fixo un gran papel para o españolismo e para a Díaz en particular. Yolanda segue trepando, xa non é do Partido Comunista nin de Izquierda Unida, tampouco entrou en Podemos, vai por libre aproveitando as desfeitas dos outros. No futuro, caído Podemos a Díaz pasará ao PsoE se quere seguir tocando poder --tan descarado--, pois Podemos xa foi (de agora em diante será residual como era Izquierda Unida).

1 Titorito

Ou sexa, segundo a túa teoría, ao final Yolanda acabará no BNG. Ou sexa, no mesmo PSOE que goberna deputacións (Pontevedra, Lugo, A Coruña) e concellos (Pontevedra, Ames,Lugo, etc. etc.) co BNG. Tes toda a razón, cousas veredes!

2 Pepe Ramón

Pobre Beiras, pasará a historia como un mal Piñeiro, podendo ser un bo Castelao. Gracias a súas meteduras de pata, moitos xa nos volvemos afiliar o BNG, a única organización nacionalista e seria que hai neste país,