Amplíase o horario da hostalaría ata as 21.00 horas en toda Galicia, agás en Vilardevós, Maside e Paradela

As novas normas inclúen tamén mobilidade en todo o territorio, prohibición de reunións nas casas particulares, reunións de ata catro persoas (sexan conviventes ou non) nos interiores dos restaurantes e reunións de ata seis persoas nos exteriores (terrazas, natureza, parques...).

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/03/2021 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

A ponte de San Xosé arrincará este venres coa apertura da hostalaría ata as 21 horas de forma xeneralizada en toda Galicia, aínda que haberá diferentes niveis de capacidade segundo a situación epidemiolóxica do SAR-COV-2 de cada concello. A única excepción serán o tres municipios que, tras a valoración feita polo comité clínico este martes e este mesmo mércores, teñen unha incidencia por enriba de 500 casos por cada 100.000 habitantes: Vilardevós, Maside e Paradela.

Terrazas de restaurantes cheas de xente durante o segundo día da apertura parcial da hostalaría en Santiago de Compostela
Terrazas de restaurantes cheas de xente durante o segundo día da apertura parcial da hostalaría en Santiago de Compostela | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press.

As medidas que afectan a toda Galicia, agás estes tres concellos pechados, e que entran en vigor o venres supoñen: mobilidade en todo o territorio, prohibición de reunións nas casas particulares, reunións de ata catro persoas (sexan conviventes ou non) nos interiores dos restaurantes e reunións de ata seis persoas nos exteriores (terrazas, natureza, parques...).

A hostalaría estará aberta ata as 21,00 horas e aumentaranse, na mesma proporción que en hostalaría (como máximo o 50 por cento), a capacidade de actividades culturais, deportivas e de culto.

Galicia adapta así o documento acordado polas comunidades autónomas no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) para a ponte de San Xosé, festivo en Galicia (e outras comunidades) e as datas de Semana Santa. O toque de queda mantense nas 22 horas e está vixente o peche perimetral de Galicia.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, precisou que os primeiros días de Semana Santa haberá unha revisión das medidas que poderán empezar a aplicarse nos días festivos (desde o propio Xoves Santo). Con todo, advertiu de que, aínda que a intención é avanzar na desescalada dando pasos adiante a modo, as medidas que se adopten, de habelas, poden ser menos ou máis restritivas en función da evolución da pandemia.

Por tanto haberá que esperar ao comité clínico que se celebrará o 29 ou 30 de marzo para coñecer en concreto as medidas que rexerán nos festivos de Semana Santa.

As novas medidas anunciadas este mércores estarán vixentes desde este venres 19 ás 00,00 horas ata, como mínimo, Semana Santa. Respecto diso, Feijóo precisou que se revisará igualmente a listaxe de concellos incluído en cada nivel, que si poderá variar a semana que vén.

CATRO NIVEIS

O nivel de máximas restricións segue sen cambios e afecta os concellos que teñen unha incidencia de máis de 500 casos por cada 100.000 habitantes. Son: Vilardevós, Paradela e Maside.

O nivel de restricións alto aplícase a concellos cunha incidencia entre 250 e 500 casos por cada 100.000 habitantes. Medidas: hostalaría ata as 21,00 horas, só apertura de terrazas con capacidade do 50 por cento. Aplicarase aos seguintes concellos: Sobrado, Boborás, A Mezquita, Pontecesures, Neda e Arteixo.

Nivel de restricións medio, aplícase a concellos cunha incidencia entre 250 e 150 casos por cada 100.000 habitantes, que suman, tras a última actualización deste mércores, un total de 14 concellos: Boimorto, A Coruña, Culleredo, Mugardos, Ponteceso, Valdoviño, Bergondo, Laxe, Chantada, Guitiriz, Pantón, Sober, Soutomaior e Coles.

As medidas para este grupo de municipios (o 12,4 por cento da poboación) son a apertura da hostalaría ata as 21,00 horas, cun 30 por cento de capacidade no interior e un 50 por cento das terrazas.

Nivel de restricións baixo, aplícase aos concellos que teñen unha incidencia de menos de 150 casos por cada 100.000 habitantes e que son 290 en toda Galicia, o 85,6 por cento da poboación. A hostalaría poderá funcionar con capacidade do 50 por cento interior e un 75 por cento nas terrazas.

Cabe lembrar que nos interiores dos establecementos de hostalaría (abertos nos niveis medio e baixo) só poderán reunirse catro persoas (sexan ou non conviventes) e nos exteriores, ata seis.

CELEBRAR SAN XOSÉ 2022

Na súa intervención, o presidente da Xunta agradeceu o "esforzo" de todos os galegos, porque os datos epidemiolóxicos (hoxe en día cunha incidencia a sete días de 35,3 casos por cada 100.000 habitantes e de 76,9 a 14 días) "reflicten que se incrementa paulatinamente a autorresponsabilidade dos galegos", polo que se mostrou "contento" cos resultados das restricións.

Para Feijóo, os datos revelan que "os galegos están a actuar con maior responsabilidade" cada vez e apuntou que o proceso de apertura "gradual" debe seguir estes pasos e será o que rexa "ata o final da pandemia".

"Gustaríanos ir máis rápido, pero o máis responsable e eficaz é actuar con cautela", sinalou Feijóo, quen apelou a "evitar contaxios e a cuarta onda", que xa ten "certo risco nalgúns países" da Unión Europea. Por iso, advertiu, a "prudencia vai seguir" imperando nas decisións que se adopten no seo do comité clínico.

Feijóo recoñeceu que esta ponte de San Xosé "será distinta ao que nos gustaría", pero "o mellor agasallo do Día do Pai é o 19 de marzo de 2022". "A covid non entende de datas nin de festivos, temos que seguir actuando con sentido. Este esforzo contribúe a salvar vidas", apuntou Feijóo, quen tamén indicou que tamén servirá para que non haxa que volver pechar actividades económicas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta