Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/04/2021 | Actualizada ás 11:13
A coordinadora de Ciudadanos en Galicia, Beatriz Pino, defende que o Estatuto de Autonomía "goza de boa saúde" e avisa que o seu partido "non vai permitir" que o BNG e o PSdeG-PSOE o utilicen para "romper Galicia".
A través dun comunicado emitido este martes, xornada na que o Estatuto de Autonomía galego cumpre 40 anos desde a súa aprobación, Pino acusa a socialistas e nacionalistas --que cando gobernaron en coalición a Xunta xa impulsaron unha reforma, posteriormente frustrada-- de querer empregalo como unha "arma arrojadiza".
A responsable da formación laranxa advirte contra o modelo que pretende instaurar o BNG, que pasa por "pedir para Galicia o mesmo" que nacionalistas vascos e cataláns. "Un estatuto cheo de medidas inconstitucionais que non é o que nós queremos para a nosa comunidade. Fariámoslle, ademais, un favor ao BNG se pensásemos que para mellorar a vida dos galegos hai que impulsar unha axenda nacionalista", prosegue.
"PERIGO"
Neste contexto, a coordinadora de Cs lembra o pacto de investidura asinado polo Bloque co PSOE para a investidura de Pedro Sánchez, que inclúe outorgar a Galicia "o mesmo status" que Cataluña e País Vasco ante "calquera modificación da estrutura do Estado". Esta liña do acordo é, para o partido laranxa, un "perigo" e un "grave precedente". "En Cs cremos na igualdade de todos os españois e sabemos que cando se fala de reformar o Estatuto, sempre se fala de avanzar na dirección que pide e esixe o nacionalismo", explica Pino.
Así, tamén se dirixe aos socialistas galegos, "arroupados por Sánchez" e dirixidos por Gonzalo Caballero como secretario xeral, para advertirlle: "Se o que agora lle preocupa é reformular o Estatuto para avanzar no que queren PSOE e o BNG, que é avanzar en máis desigualdades entre españois, a nós (a Cs) non nos van a atopar aí".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.