Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/04/2021 | Actualizada ás 22:15
Continúa a lea no Concello de Valga a raíz dunha contratación pública denunciada polo grupo da oposición Valga Viva como un caso de “designación a dedo”. O suposto caso de enchufismo, que nas últimas xa provocou algún que outro intercambio de mensaxes entre goberno e independentes, tería tido lugar no contrato para impartir un módulo de igualdade no marco dun obradoiro educativo.
A cuestión estriba en que, de acordo con Valga Viva, a persoa seleccionada para desenvolver tal posto no obradoiro non é outra que unha filla da concelleira de educación; circunstancia que a ollos do partido supoñería un incumprimento da regulación. O alcalde Bello Maneiro negou as acusacións, asegurando que o Concello “non contratou a ningún ‘familiar de’”, pero dende a oposición lanzan novas dúbidas a raíz dun informe que se vén de coñecer.
A suposta proba de ‘enchufismo’ radicaría nun escrito achegado pola directora do obradoiro á Xunta, texto no que a autora describe así o proceso de selección: “dende o Concello de Valga ponse a disposición do obradoiro de emprego Xóvenes Moraña – Valga, que xestiona o Concello de Moraña, á técnica S. B. G.”.
O problema estaría en que, de acordo coa formación da oposición, “o DOG é moi claro co proceso de selección do persoal para as escolas obradoiros”, deseñando un proceso que, aparentemente, non tería sido seguido polo concello en cuestión; que, de acordo con Valga Viva acometeu a contratación da técnica “a dedo”; cuestión que o alcalde nega.
UN MES DE ENFRONTAMENTO
O conflito do suposto enchufismo en Valga vai camiño de facer un mes de actualidade, xa que arrincou o pasado 13 de marzo, cando Manuel Castiñeiras García --de Valga Viva-- presentou un escrito ante o Concello para coñecer “os criterios de selección que se seguiron para a contratación/elección da persoa encargada de impartir o módulo de igualdade”. O alcalde popular respondeu entón ao independente en termos que, para o da oposición, non son propios “dunha persoa que ostenta un cargo de posición de alcalde nunha institución como é un concello”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.