O xulgado rexeita o recurso de LaLiga contra o arquivo da causa ao capitán do Deportivo

"Entender que puidese existir un amaño do partido entre xogadores resulta máis ben o argumento dunha película ou novela de ficción", argúe a maxistrada.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 16/04/2021 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

O Xulgado de Instrución número 3 da Coruña rexeitou o recurso de reforma presentado por LaLiga contra o auto do pasado mes de agosto no que decretou o sobresemento provisional e arquivo do procedemento aberto contra o capitán do Deportivo, Álex Bergantiños, pola presunta comisión dun delito de corrupción entre particulares, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Luis Alberto felicita a Álex Bergantiños por un gol.
Luis Alberto felicita a Álex Bergantiños por un gol. | Fonte: lfp.es

O futbolista foi denunciado por LaLiga tras facerse público un audio que enviou a un grupo privado de Whatsapp no que, segundo se fixoi constar na denuncia, "manifestaba a posible predeterminación" do partido que o Deportivo ía disputar contra o Fuenlabrada.

"Como ben se fundamentou no auto, a mensaxe obxecto de denuncia non se entende que revista caracteres de delito algún e, tal e como fai constar o Ministerio Público, entender que puidese existir un amaño do partido entre xogadores resulta máis ben o argumento dunha película ou novela de ficción, de aí a resolución que agora se recorre", indica a maxistrada no auto.

Nel, lembra que o xuíz instrutor "non está obrigado a practicar dilixencias de investigación se non entende que os feitos denunciados revisten caracteres algún de delito, facendo declarar como investigada a unha persoa de maneira gratuíta, sen indicio algún de comisión de delito".

RECURSO ANTE A AUDIENCIA

LaLiga, ademais do recurso de reforma que foi desestimado polo xulgado, presentou un recurso de apelación contra o auto, que será resolto pola Audiencia Provincial da Coruña.

A maxistrada asegura na resolución que é "importante" facer referencia ao auto ditado pola Audiencia Provincial da Coruña o pasado 1 de marzo, no cal advirte que a actuación do Centro Nacional Policial pola Integridade no Deporte e as Apostas (CENPIDA) neste caso "resulta preocupante, non explicándose a actuación de tales funcionarios".

A instrutora sinala que LaLiga, no seu recurso de reforma, fai referencia "a outros posibles ilícitos e outros responsables que non foron obxecto do presente procedemento nin da súa denuncia". No recurso, segundo destaca a xuíza, alega que non quería dicir que "forzosamente" se debese recibir declaración como investigado ao capitán do Deportivo, "senón que a mesma ben puidese ser como testemuña".

"As dilixencias a que se refire a parte como as posibles a practicar no presente procedemento versarían sobre feitos que non son obxecto de denuncia e polos que se adoptou a decisión que agora se recorre", recalca a maxistrada no auto no que desestima o recurso de LaLiga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta