Por Moncho Mariño | Vigo | 19/11/2024 | Actualizada ás 14:10
-Unha pregunta que quería facerche como xogador de tenis de mesa; é certo que os chineses son os mellores do mundo?
Si, si, son os mellores. No campionato de Maizières-lès-Metz, en Francia, na categoría 1 un xogador chinés foi quen derrotou un detrás de outro a cada participante. Tamén os xaponeses están no mesmo nivel que os chineses.
-Como clasificaches para chegar a Francia, o Campionato do Mundo?
Calsifiquei grazas a terme animado a ir ao Campionato de España que se celebrou o ano pasado en Guadalajara. Alí foi onde nos dixeron que o campionato sería en Maizières-lès-Metz. Tamén se debe ter en conta que hai dúas federacións: a de tenis de mesa e a de ping pong. Esta era a primeira vez que eu ía ao Campionato da Federación Internacional de Tenis de Mesa.
-Cal é a diferenza entre ping pong e tenis de mesa?
As regras son basicamente as mesmas só que o tenis de mesa xógase máis na Commonwealth e é máis internacional. O ano pasado participei no Campionato do Mundo de ping pong en Austria e o ano anterior participara en Croacia, tamén en ping pong. Aínda así, eu non me caso nin con ping pong nin con tenis de mesa, vou onde mellor me convén. Este ano o campionato do mundo de ping pong era en Eslovenia e para a outra semana era o de tenis de mesa en Francia e a min xa se me facía moita viaxe.
-Quen foron os teus compañeiros de equipo durante o campionato en Francia?
Un deles era de Tomelloso, un de Talavarea e outro colega que vive en Vigo.
-Cando retomaches o tenis de mesa debeuse ao Parkinson ou xa estabas retomando esta disciplina?
Non, eu retomei cando xa tiña Parkinson. Cando me xubilaron, ou un pouco antes, preguntei: “que fago coa miña vida?” Pois centreime no tenis de mesa.
-As persoas que comparten contigo esta modalidade compartides a mesma xeración ou hai diferentes idades dentro do equipo?
Un deles ten un ano menos que min e logo o resto son maiores. A min o Parkinson apareceume con corenta anos e agora teño cincuenta e catro. Este ano coñecín un de cincuenta e tres mais leva moi pouco tempo baixo o Parkinson, uns anos. Eu recomendo facer actividades como esta, o tenis de mesa, porque a actividade é todo para o Parkinson porque senón vas para abaixo moi rápido.
-Co deporte é como se quixeras mantelo afastado.
Non, mantelo controlado veu a raíz da operación. Antes de operarme eu estaba destinado á cadeira de rodas e agora podo moverme como calquera persoa normal porque antes a perna dereita quedaba bloqueada e non podía nin coller un café porque a man tremía e caíme todo encima. Isto comeceino a sentir con corenta anos, caín na conta cando escribía. Primeiro ía moi ben mais se continuaba a letra era máis pequena e a liña ía cara abaixo se era un folio en branco, por iso fun a Vigo e aí fixéronme unha resonancia cerebral. O meu pai tamén tivera Parkinson mais el comezou a ter os síntomas con setenta anos, eu con corenta.
-Á parte do teu pai había máis antecedentes?
Só sei do meu pai. É normal que salte unha xeración, mais aquí fomos meu pai e eu.
-En que consistiu a operación para frear o Parkinson?
Eu estaba cun neurólogo no Cunqueiro, en Vigo. Logo eu persoalmente, fun pedir unha segunda opinión a Santiago, aí falei con outro médico e xa me dirixiu á operación. Mais apareceu a pandemia e houbo que atrasar a intervención durante uns anos. Debido a isto, na intervención tiveron que introducir de maneira máis profunda unha das sondas ante o avance da enfermidade.
-Supoño que o postoperatorio e a recuperación foron moi duros.
Si, logo da operación estiven unha semana en Santiago porque había que regular as sondas e non foi doado. Dixéranme que lle deran a volta ás sondas debido á posición da zona afectada no meu cerebro. Despois, para volver facer deporte pasaron entre seis e oito meses, non creo que chegara ao ano.
-Sería unha sopresa para moitas persoas verte de novo competir.
Para algúns si, mais eu sempre fun unha persoa moi deportista. Cando estiven en Austria, no campionato, fun ver uns amigos que vivían nunha vila a media hora de onde se celebraban os xogos. Así pois, collín e fun velos eu só, sen falar alemán, só con catro palabras en inglés, esa para min foi a máis grande medalla.
-Estás preparando algunha nova competición para este ano e o que vén?
Si, o Campionato de España en abril de 2025. Estoume preparando para ir mais é que ultimamente sentíame lento, sobre todo cando me botaban unha bola curta e aí sempre me gañaban o punto. Agora cambiei o tipo de adestramento, deixei a raqueta e comecei con spining no ximnasio. Desde aí foi cando me sentín máis espelido na mesa e foi cando gañei a medalla de prata en Francia. Realmente, cando xogo métome tanto que deixo atrás a enfermidade, esquézoa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.