Un exemplo de como a invasión turística mata a identidade dun barrio histórico

O popular barrio compostelán de San Pedro é un bo exemplo do impacto negativo da xentrificación e a turistificación nas vidas dos veciños, como recolle un estudo da Universidade de Santiago. O Concello está deseñando unha normativa para regular o uso dos chamados pisos turísticos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/04/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O barrio de San Pedro é un dos máis emblemáticos de Santiago de Compostela, pero está a perder a súa xenuína identidade. A causa? A xentrificación (desprazamento da poboación orixinal do lugar por outra de maior nivel adquisitivo) e o auxe dos pisos turísticos. Dous fenómenos complementarios que coa pandemia da covid-19 se frearon, pero que volverán rexurdir se non se lles poñen límites.

Rúa San Pedro, Santiago de Compostela
Rúa San Pedro, Santiago de Compostela | Fonte: Concello de Santiago.

Este non é o único barrio sometido á ditadura do capital, pero é un bo exemplo sobre o que reflexionar. Por iso foi elixido como caso de estudo por María de los Ángeles Piñeiro Antelo, Lucrezia López e Miguel Pazos Otón, profesores do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela.

O interese parte da preocupación xeral que a xentrificación e o turismo masivo e descontrolado xeraron na última década en moitas cidades, causando “problemas de privatización e conxestión de espazos públicos, perda de poder adquisitivo dos residentes, e aumento dos prezos da vivenda nos destinos afectados”, explican estes investigadores.

Como exemplo poñen o caso do barrio de San Pedro, onde interactúan estes dous fenómenos: xentrificación e turismo masivo, con menos vivendas para os veciños, máis pisos turísticos e aumento dos prezos de aluguer ou venda de inmobles.

“A resultante xentrificación turística modificou nos últimos anos o aspecto exterior do barrio e agora está a ameazar tamén a súa identidade e a súa alma”, alertan os profesores da USC, quen consideran que renovar un barrio coma este “ten o seu prezo e son os propios veciños quen o pagan”.

Non se trata de negarse a remodelacións e obras que melloren a calidade de vida do barrio, pero como e para quen? Esa é a principal crítica. Como lembran os profesores da USC, os veciños de San Pedro xa manifestaron o seu malestar en varias ocasións: “Desde o movemento veciñal, as principais críticas veñen do feito de que a Administración ten pensado realizar un investimento de máis de 8 millóns de euros en mellorar o acceso do Camiño Francés a través da rúa dos Concheiros, ampliando o espazo para o tránsito de peregrinos. En todo este proceso non houbo unha verdadeira participación pública, nin os propios veciños e residentes puideron coñecer os detalles do proxecto”, lamentan.

O problema, para os veciños, radica nun modelo pensado máis para os de fóra que para os de dentro. Como explican os autores do estudo, “converter este acceso nunha «autoestrada para peregrinos», como refiren desde o movemento veciñal, supoñerá a aceleración do proceso de transformación comercial e residencial, profundando na xentrificación e a turistificación, un proceso xa imparable na actualidade”.

Pero curiosamente non son os máis vellos do lugar os máis activos nese rexeitamento, senón os mozos que se trasladaron ao barrio a partir da década de 1990: “A visión máis crítica corresponde a xeracións máis novas e mellor formadas, que non viven das propiedades, senón do traballo, e que piden regulación (taxa turística, políticas de sustentabilidade, limitación de licenzas, control do aloxamento ilegal, etc.), sen ser partidaria de intervencións radicais”. Son unha sorte de “bohemios-burgueses”, en palabras destes profesores, que non naceron no barrio, pero que “foron os artífices do moderno cultivo da identidade de barrio, moi vinculado con intensos sentimentos de  topofilia”.

A tendencia, segundo estes expertos, é á “concentración da vida de barrio ao longo de rúa de Concheiros, epicentro comercial do barrio, e da rúa de San Pedro, eixo vertebrador do Camiño”, é dicir, a actividade limitada a dúas vías e principalmente enfocadas ao turismo, o cal “revela que os espazos de vida diaria son reducidos”.

Un dos problemas derivados dese modelo é obvio: “Os veciños temen que se continúan as tendencias actuais, á xentrificación e transformación do comercio orientado ao turismo, é de esperar que os veciños atopen cada vez menos servizos e teñan que desprazarse a outros puntos da cidade para realizar as compras”. E isto, advirten, “a medio e longo prazo implicará a perda da función residencial tradicional e a progresiva transformación nun espazo turistificado”.

Mediante as entrevistas realizadas a veciños e colectivos do barrio, os profesores identifican un “malestar veciñal” que se traduce en rexeitamento á masificación do barrio, perda de servizos e comercios para os residentes e un acceso á vivenda cada vez máis problemático.

Os veciños, conclúen, "verbalizan un sentimiento de «sentirse invadidos»”.

MASIFICACIÓN

O estudo constata un rexeitamento dos veciños á masificación do barrio, contrarios ao crecente tránsito e a calquera hora do día de peregrinos e turistas, principalmente polas  rúas Concheiros e San Pedro, vías fundamentais do barrio e eixos da súa vida, e que son os que levan aos caminantes á Catedral, a menos dun quilómetro.

“Cunhas beirarrúas estreitas e un lousado problemático polas deficiencias construtivas, prodúcese unha grande aglomeración de peregrinos percibida polos residentes como xerador de conflitos polo espazo”, describen os autores don estudo.

TURISTIFICACIÓN DOS NEGOCIOS

Outros dos problemas identificados nas entrevistas é a expansión nas rúas Concheiros e San Pedro –principais áreas comerciais do barrio– de negocios orientados ao turismo, un fenómeno que veciños describen como “monocultivo turístico”. Alí, describen os profesores, negocios familiares e comercios de proximidade que dan servizo á práctica totalidade do barrio ven como se abren negocios pensados máis para os visitantes que para os locais: establecementos de aloxamento, restauración, tendas de artesanía e de recordos…

“Como consecuencia, se por unha banda hai un segmento da poboación favorecida pola expansión do turismo, polo outro lado a dotación comercial para os habitantes do barrio redúcese, así como o atractivo da función residencial. O resultado é a expulsión e a marcha de moitas familias a outras áreas da cidade con modernas dotacións comerciais e de servizos, ou mesmo a concellos periféricos de Santiago, onde aínda conservan as ‘comodidades’ da ausencia de turismo masivo”, explican.

Coa perda do comercio tradicional, en definitiva, tamén hai “unha perda de valor identitario do barrio”, engaden.

O PROBLEMA DA VIVENDA

O terceiro problema identificado polos veciños, e polos investigadores, é o dun “cada vez más problemático” acceso á vivenda polo auxe dos pisos turísticos e a suba dos prezos da vivenda.

Os veciños, segundo estes expertos, lamentan que “no barrio hai un número cada vez máis importante de vivendas de uso turístico”, das cales “moitas non están rexistradas, e comercialízanse de maneira ilegal/alegal a través de plataformas dixitais como AirBnb, Home Away ou similares”.

Este traballo recolle os primeiros resultados dunha investigación centrada, segundo os seus propios autores, en “profundar na toma de conciencia e a elaboración dunha resposta cidadá e asociativa, ante os problemas percibidos e asociados ao desenvolvemento do fenómeno turístico en cidades patrimonio”.

Os resultados foron publicados o pasado ano, no libro colectivo Hélices y anclas para el desarrollo local, editado pola Universidad de Cartagena e a Universidad de Huelva, antes de que a pandemia de covid-19 restrinxise o fluxo de turistas e antes dos problemas xurídicos que se lle plantean agora ao Concello de Santiago de Compostela no seu intento de regular os pisos turísticos.

REVÉS AO CONTROL DE PISOS TURÍSTICOS

Os profesores da USC recordan que “unha parte” do barrio de San Pedro está “dentro do recinto delimitado do Plan Especial do Centro histórico de Santiago de Compostela, revisado no ano 2019”, o que implica que “na rúa de San Pedro, desde a Cruz de San Pedro ata a Porta do Camiño, a lexislación municipal prohibe na actualidade a apertura de novas vivendas de uso turístico”.

Con todo, engaden, “esta medida restritiva non ten efecto fóra do recinto do Plan Especial, e na rúa dos Concheiros é posible converter un piso nunha vivenda de uso turístico”.

Para estes autores, “a expansión deste sector de regulación laxa convértese nunha ameaza máis para o futuro do barrio”.

Pero o problema dos pisos turísticos non é exclusivo do barrio de San Pedro. A tea de araña destes negocios expándese por toda a cidade, e por outras urbes galegas.

No caso de Compostela, o Concello recibiu un revés da Xustiza no seu intento de regular estes negocios no casco vello. En concreto, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitiu unha sentenza que anula o artigo 143 bis do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), mediante o cal o Goberno local pretendía prohibir os pisos turísticos na zona vella.

O alto tribunal estimou de forma parcial un recurso presentado por un particular contra a modificación do Plan Especial-1 de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica, impulsada polo anterior goberno local de Compostela Aberta e aprobada polo pleno do Concello de Santiago o 15 de novembro de 2018 O TSXG indica na resolución que "existe xustificación" para levar a cabo esa modificación do plan, pois considera que está "motivada" e baseada "en razóns de interese público". Pero anulouna por infrinxir o procedemento legalmente establecido, que obrigaba á súa exposición pública antes da aprobación, xa que se introduciran "modificacións substanciais".

Con todo, o Concello liderado polo socialista non desiste no seu compromiso coa regulación deste tipo de aloxamentos. De feito, o pasado mes, PSOE e Compostela Aberta pactaron a modificación do (PXOM) co obxectivo de aplicar uns controis aos usos destes inmobles para favorecer a súa utilidade como vivendas. Modificación parcial á que deu luz verde, o pasado mes de febreiro, a Xunta de Galicia.

Porque, como salientou o propio alcalde, o TSXG "non anulou todo o plan, senón un artigo concreto do plan".

"Aínda que moitos poidan entender as vivendas como un negocio, nós non o entendemos así. O concello entende a vivenda como iso, unha vivenda", recalcou o alcalde.

FESTAS DURANTE A PANDEMIA

Precisamente, os pisos turísticos foron durante a pandemia motivo de polémica, xa que se detectaron na cidade numerosas festas neste tipo de aloxamentos que incumprían as restricións sanitarias derivadas da crise da covid-19.

O propio alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, pediu esta semana “control e garantías” aos propietarios destes inmobles na cidade, xa que no Concello teñen “constancia e coñecemento de que se están alugando pisos turísticos para festas”, o cal non só altera a paz e a convivencia na veciñanza, tamén pon en risco a saúde dos veciños.

O rexedor pediu “unha reflexión” ás persoas que teñen pisos de aluguer turístico, que “deben esforzarse en identificar as persoas ás que se lle aluga o piso e establecer algún tipo de garantías”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta