Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/05/2021 | Actualizada ás 10:40
A plataforma veciñal Casalonga Limpa de Residuos apunta á directora de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría Traba, como a persoa que desvelou o proxecto de restauración por parte da empresa Toysal para a antiga canteira no concello de Teo. Así, nun comunicado a agrupación veciñal sinala que Paula Uría “deixou claro que desde a Xunta dan luz verde a proxecto”.
O colectivo veciñal entende que a Xunta dá “luz verde” a un proxecto elavorado hai xa un ano. Isto despois de que Uría declarase que o executivo galego analiza “con todo rigor” os plans presentados por Toysal. Tamén engaden varias razóns que confirmarían para eles as intencións desde o goberno dirixido por Núñez Feijóo. “Non paraliza a actividade mineira da canteira a pesar de que van xa dous anos nos que a empresa non está a facer ningún labor nin está a cumprir a DIA”, sinala a asociación veciñal.
O máis grave é que a Xunta “ocultou á plataforma a existencia deste “novo” plan de restauración durante un ano!”. Engaden a isto a conformidade do executivo galego coa actitude da empresa que sinala non poder iniciar a actividade pola presión veciñal, cando o primeiro intento de iniciar a actividade “foi un ano e medio do primeiro plan de labores, polo que a caducidade mineira está clarísima. Pero a Xunta segue sen vela”.
Casalonga Limpa de Residuos tamén sinala que a pista en dirección á antiga canteira é municipal, mentres que desde o executivo galego defende a titularidade privada da vía. “Con esta afirmación dá o visto bo ás expropiacións das pistas colindantes por Toysal” baseándose “nunha expropación que se base nunha lei franquista dos anos 60”.
A plataforma veciñal acusa tamén á Xunta de darlle permisos á empresa para verteduras de augas, a pesar de que Toysal foi sancionada con 15.000€ por vertedura ilícita na lagoa da canteira, que están sen pagar. Casalonga Limpa engade que o novo plan de restauración é “unha adaptación do entregado hai case 20 anos polo anterior propietario da canteira, Carballal S.L., onde di que os terreos son para uso forestal” e non para verteduras. O temor dos veciños da zona afectada é que a nova propostas por ser unha adaptación non permtirá alegacións públicas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.