Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/05/2021 | Actualizada ás 16:58
A Iniciativa Defende Meirás pediu á cidadanía que realice un envío masivo de escritos á Consellería de Cultura, Educación e Universidade para solicitarlle que incoee o expediente para ampliar a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) das torres aos mobles.
Precisamente, este venres a entidade remitiu un escrito ao departamento autonómico para solicitar a ampliación da declaración a "todos os bens mobles asociados á categoría de sitio histórico" do interior e o exterior do pazo e a publicación inmediata do catálogo dos mesmos para "preservar e salvagardar a integridade do BIC Torres de Meirás".
Neste sentido, a Iniciativa Defende Meirás difundiu un escrito mediante as súas redes sociais para pedir que se actúe do modo preciso "para impedir que os herdeiros do ditador poidan retirar eses bens" e afirmou que "a mera incoación dese expediente outorgaría a todos os bens a protección á que fai referencia a Lei de patrimonio cultural de Galicia".
Deste xeito, publicou na súa páxina web un modelo do escrito e chamou a todas as entidades de memoria e particulares a presentalo por rexistro electrónico ou mediante un e-mail ante a Consellería de Cultura. Esta semana, o Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña suspendeu o prazo dun mes concedido á familia Franco para retirar bens do Pazo de Meirás nunha resolución na que deixou paralizada a decisión adoptada o pasado 28 de abril nese sentido.
Pola súa banda, a Xunta requiriu á familia Franco a presentación de documentación adicional para tramitar a súa solicitude de traslado referir# a as estatuas do Mestre Mateo, situadas actualmente nas Torres de Meirás, dada a súa consideración como Ben de Interese Cultural (BIC). Previamente, pedira ao Estado que habilitase á Xunta para ampliar o BIC do Pazo de Meirás.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.