Por E.P. | Santiago de Compostela | 20/05/2021 | Actualizada ás 18:23
A portavoz de Ciudadanos en Galicia, Beatriz Pino, acusou o Goberno de "dar as costas" aos gandeiros galegos que sofren "importantes prexuízos" polos ataques do lobo. Así o asegurou despois de que o mércores o Ministerio para a Transición Ecolóxica publicase o proxecto de orde ministerial que modificará o decreto que regula a Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESPRE).
"Vólvese evidenciar a soidade e desamparo no que con esta medida quedan os nosos gandeiros", asegurou Beatriz Pino, que esixe un "trato xusto e equitativo dos gandeiros fronte aos danos causados polo lobo ibérico e outras especies protexidas".
A responsable da formación lamentou que se chegou a esta situación que, na súa opinión, "non fai máis que evidenciar a pouca intención real que había por parte do Goberno en tentar buscar entendemento entre as partes co fin de atopar solucións".
"O Goberno tiña e ten a obriga de buscar un equilibrio que faga compatible o réxime de protección ao lobo co desenvolvemento das actividades agrarias, garantindo un trato xusto e equitativo para os gandeiros que ven afectados os danos causados por esta especie", afirmou.
Ademais, considerou que o Goberno "non pode esconderse das súas obrigas", "como son o buscar medidas que melloren a cohabitación do lobo coas actividades de gandaría, a necesidade urxente dun novo censo nacional de lobo ibérico que substitúa o último dispoñible de 2014 e a implementación de novas liñas de financiamento e axudas para medidas de protección do gando en zonas con presenza" desta especie.
Neste sentido, insistiu Pino, é urxente "un mecanismo de indemnizacións específico para explotacións gandeiras que cubra, de maneira efectiva, todos os danos e as perdas causadas por ataques de lobos e garantir a percepción das indemnizacións, mediante un procedemento sinxelo, áxil e sen dilacións no tempo".
Por último, propuxo tamén estudar a posibilidade de incluír estes e outros mecanismos de compensación aos gandeiros que sufran danos por especies protexidas no Plan Estratéxico Nacional da PAC e o futuros eco-esquemas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.