Por Galicia Confidencial | Compostela | 01/11/2013 | Actualizada ás 17:00
Sacar a Galicia da crise, ou alomenos tentalo, deixa tempo libre para outras cousas. Non todo vai ser traballar. Non fixo caso o presidente da Xunta daquela vella recomendación de Manuel Fraga a un prometedor Mariano Rajoy: "Case e aprenda galego". Alberto Núñez Feijóo permanece solteiro, e cada pouco, a prensa, sobre todo a madrileña, sácalle novas noivas. Esta semana, Eva Cárdenas, directora de Zara Home e man dereita do presidente de Inditex, Pablo Isla. Unha información que incomodou ao mandatario galego. "O matrimonio é a institución menos democrática das que coñezo", chegou dicir nunha ocasión.
Lonxe quedan os actos da primeira toma de posesión de Feijóo como presidente galego, alá por 2009, sempre coa presenza da súa noiva Cármen 'Chiny' Gamir, a quen coñecera cando esta era correspondente de La Región en Madrid. Os fotógrafos retrataron o bico da parella no Parlamento galego, viaxaron xuntos ao Vaticano a ver o Papa e a nai de Feijóo chegou a pedirlle netos en público. "Pero el está casado con Galicia", contaba a señora que lle respondía o seu fillo.
Pero case catro anos de lexislatura, a primeira, dan para moito. Na campaña da súa reelección, era evidente o mosqueo do candidato do PP cando os xornalistas nas entrevistas lle preguntaban pola súa ex-parella, xa con acomodo en gabinetes populares de Madrid: é xefa de prensa da secretaría de Estado de Orzamentos, en mans da ex-conselleira Marta Fernández-Currás.
Antes, durante e despois, varias relacións atribuíronselle ao presidente Núñez Feijóo: Paloma Lago, con quen coincidiu nunha Festa do Alvariño; a xornalista Teresa Viejo, despois de que La Región publicase que foran vistos xuntos nun balneario portugués; ademáis doutras mulleres, como unha xornalista galega e unha política do PP.
Agora chega o turno de Eva Cárdenas, directora de Zara Home. Segundo Vanitatis.com, a relación coa directora de Zara Home, divorciada de 48 anos e cunha filla, xa leva varios meses. Este xoves, o presidente da Xunta amosou a súa sorpresa pola publicación de cuestións referidas a súa vida privada. E non lle falta razón ao presidente. A nova mesmo era unha das máis lidas nas edicións dixitais dalgúns medios. Sen embargo, o presidente galego ten que lembrar que permitiu que, durante a campaña electoral do 2009, o PP 'aireara' a vida sentimental do entón candidato do BNG, Anxo Quintana, que acababa de separarse da súa parella, concelleira en Allariz.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.