Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 29/04/2025 | Actualizada ás 18:32
Os deputados do BNG por Ourense, Noa Presas e Iago Tabarés, rexistraron iniciativas no Parlamento galego para reclamar actuacións urxentes ante a "deterioración crecente" da área de hospitalización do Cristal, así como que se acelere o novo edificio de hospitalización de Ourense. Nun comunicado, o BNG sostivo que a "deterioración" das infraestruturas do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, concretamente do Edificio Cristal e do Materno-Infantil, son "obxecto constante de distintos problemas nos últimos anos e de queixas tanto por parte das e dos profesionais como das e dos usuarios, ao ter problemas recorrentes e ao chegar a unha situación de deterioración insustentable".
"Hai un mes coñeciamos o terceiro derrube en menos de 2 anos do Materno e días despois, o 9 de abril, producíase un novo rebentón de tubos no Cristal. Esta situación, lonxe de obedecer a problemas puntuais dunhas instalacións amplas e complexas, evidencian unha deterioración moi avanzada que obedece á falta de investimento, falta de fiscalización e falta de mantemento", sinala o Bloque. Os nacionalistas, ademais, lembran que o servizo de mantemento "foi progresivamente privatizado e externalizado e foi froito de constantes problemas laborais que tamén foron denunciados tanto sindical e socialmente como no ámbito do Parlamento galego".
Noa Presas considerou "un escándalo" esta situación e que o novo edificio de hospitalización "se paralice sen explicación". Esta situación, segundo indicou, "é de seu impropia dunha sanidade do século XXI". "As queixas de persoal, pacientes e familias, sumado aos distintos incidentes de coñecemento público, son a punta do iceberg dunha situación insustentable e sobre a que é necesario actuar en dúas direccións", indicou. Por este motivo, o BNG pediu na Cámara autonómica explicacións, que se reactiven e aceleren as obras de construción do novo edificio de hospitalización do Complexo Hospitalario de Ourense "e que se fagan públicos os informes referidos á seguridade industrial e laboral, así como todas as actas de inspección e de incidentes dos últimos 10 anos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.