Suspendida a actividade educativa en Galicia para evitar desprazamentos e aforrar combustible

Rueda pide "calma, prudencia e sentidIño" para afrontar un feito "nunca visto". O Delegado do Goberno en Galicia anuncia un reforzo da seguridade con máis efectivos de Policía, Garda Civil e Policía local.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/04/2025 | Actualizada ás 21:14

Comparte esta noticia

Galicia seguirá en situación 2 de alerta polo apagón histórico que sofre toda a Península Ibérica, pero xa se prepara para pasar unha noite do luns e un martes con moitas complicacións. Por iso, a Xunta decidiu suspender toda actividade educativa en Galicia este martes. Tamén as escolas infantís, os centros de discapacidade e de DIA estarán pechados este martes, así como as actividades deportivas federadas. O obxectivo é aforrar combustible e evitar desprazamentos innecesarios, sobre todo, tendo o noso país a rede de transporte escolar máis extensa de todo o Estado. "E a recomendación lóxica é evitar no máximo os desprazamentos e facer aqueles que sexan imprescindibles para limitiar o uso de combustible", dixo.

Estación de tren de Santiago paralizada polo corte na subministración eléctrica
Estación de tren de Santiago paralizada polo corte na subministración eléctrica | Fonte: E.P.

 

"O noso obxectivo é asegurar o subministro eléctrico en servizos esenciais", dixo o presidente da Xunta en alusión a hospitais e centros de maiores. Rueda compareceu nunha convocatoria de urxencia este luns ás 20.30 para anunciar que a Xunta xa está enviando grupos electróxenos e combustible ás zonas que máis a necesiten. Ademais, fixo un chamamento á que as persoas que teñan aparellos respiratorios acudan aos PACs para recargalos. 

 

Ademais, o presidente galego asegurou que a sanidade pública e a atencion primaria seguirán traballando, pero pedíu aos galegos que fagan un "uso racional" destes servizos. "Pídolles sentidiño e evitar acudir a consultas se non estrictamente necesarias", suliñou. "Fago unha chamada á calma, á prudencia e á paciencia porque non sabemos cando imos volver á situación normal. Tentemos pasar estas horas que quedan do mellor xeito posible", dixo o presidente galego que esta tarde pasou varias horas na sede do 112 na Estrada supervisando a situación. 

 

SEGUIR COA SITUACIÓN 2

 

Boa parte de Galicia segue sen electricidade, unha situación que pode continuar durante toda a noite e mesmo durante o martes. Galicia ten actividada a Situación 2 de Emerxencia. Rueda, descartou, polo momento pedir a situación 3, como xa pediron outros presidentes autonómicos do PPdeG como Isabel Díaz Ayuso ou Juamma Bonilla. 

 

Rueda agradeceu a coordinación e as explicacións que está recibindo, en todo momento, por parte da Delegación do Goberno en Galicia, así como do propio ministro do Interior, que o chamou durante a tarde. Sobre os prazos dunha normalización da situación, Rueda dixo que "ninguén sabe cando vai chegar". E, tal e como tamén fixo o presidente español pediu á poboación que se manteña informada por canles oficiais para evitar a desinformación. "Agardo que a situación poida ser recuperado á maior brevidade posible para recobrar a situación normal", dixo.

 

DELEGACIÓN DO GOBERNO

 

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, lanzou este luns “unha mensaxe de tranquilidade” á cidadanía galega, á que pediu que confíe “só nas fontes oficiais” para “informarse sobre a crise da electricidade que afecta a España desde esta mañá e evite os desprazamentos innecesarios para aforrar combustible e evitar posibles incidencias”.

Tamén reiterou a recomendación dun uso limitado dos servizos de comunicación telefónicos para garantir as conexións no caso en que se produza algunha emerxencia. Así o fixo durante a reunión do Centro de Coordinación Operativo Integrado (CECOPI), do que forma parte, e que se está celebrando na sede da Axencia Galega de Emerxencias, na Estrada (Pontevedra). Pedro Blanco incorporouse a primeira hora da tarde á reunión do órgano de coordinación tras a activación do nivel 2 do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga).

O delegado destacou “a ausencia de incidencias de seguridade cidadá” durante as horas posteriores ao fallo, e informou de que tanto Garda Civil como Policía Nacional teñen activados todos os seus efectivos para garantir a atención de calquera emerxencia e facilitar os traballos dos equipos de Protección Civil. Nesta liña, lembrou á cidadanía que “realice un uso responsable destes servizos”.

Blanco reiterou o “traballo intenso e continuo” de todos os departamentos do Goberno para “recuperar a subministración de electricidade en todo o país canto antes”. Blanco mantén o contacto permanente cos responsables de Rede Eléctrica e Presidencia do Goberno para coñecer os avances nesta recuperación e atender as necesidades que poidan precisar no que respecta a Galicia.

COORDINACIÓN A NIVEL PROVINCIAL

A nivel provincial, os subdelegados e subdelegadas do Goberno nas catro provincias galegas tamén están a coordinar durante a tarde a resposta dos operativos de seguridade na súa respectiva provincia a través de reunións cos responsables das Comandancias da Garda Civil e das comisarías provinciais de Policía Nacional.

Igualmente, mantéñense abertos as canles de comunicación e colaboración cos alcaldes e alcaldesas para garantir que os operativos a nivel local, sobre todo nas principais cidades de Galicia, estean optimizados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta