O PSOE sae dividido das eleccións provinciais en Lugo e Ourense

En Lugo, gañou Tomé, o candidato apoiado por Besteiro, co 58% dos votos, e en Ourense, Álvaro Vila, que non era o elixido pola dirección galega.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/04/2025 | Actualizada ás 22:43

Comparte esta noticia

O PSdeG afrontou dividido as súas eleccións provincias, especialmente, en Lugo e Ourense, onde houbo sorpresas. Así, en Ourense gañou Álvaro Vila, que non era o candidato elixido pola dirección socialista galega, mentres que en Lugo impúxose José Tomé, o actual presidente provincial, pero por 58% dos votos, o que deixa claro que tamén o partido está dividido nesta provincia.

Álvaro Vila, novo secretario xeral do PSOE de Ourense.. PSOE DE OURENSE
Álvaro Vila, novo secretario xeral do PSOE de Ourense.. PSOE DE OURENSE | Fonte: Europa Press

Álvaro Vila foi elixido este domingo como secretario xeral do PSdeG-PSOE da provincia de Ourense ao alzarse cun 52,77% dos votos das primarias fronte á alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, que obtivo o 46,04%.

Segundo os datos facilitados o partido, o alcalde de Taboadela e portavoz do PSOE na Deputación, Álvaro Vila, venceu con 447 fronte aos 390 obtidos por Patricia Domínguez. Houbo sete votos en branco e catro nulos. No proceso participaron 850 militantes de 1.360 que estaban chamados a participar neste proceso orgánico. Desta forma, a participación alcanzou 63,48% do censo.

LUGO

José Tomé Roca foi reelixido este domingo como secretario xeral do PSdeG-PSOE da provincia de Lugo ao imporse co 58% dos votos das primarias ao concelleiro de Paradela e deputado provincial, Iván Castro, que obtivo o 42% dos votos.

Segundo informou o partido, José Tomé venceu con 809 votos fronte aos 585 obtidos por Castro. No proceso participaron 1.394 militantes dos 1.862 que estaban chamados ás urnas neste proceso orgánico. Desta forma, a participación alcanzou 74,87% do censo. Tras coñecerse os resultados, José Tomé destacou que está xornada "si que foi un día de democracia interna do PSOE". "Os nosos militantes puideron expresar o que opinan sobre a futura dirección do PSOE para o próximos catro anos", sinalou.

Neste sentido, asegurou que, a partir desta xornada, comeza a traballar para preparar o Congreso provincial, que será o 10 de maio, no que se aprobará a Comisión Executiva que procurará que "sexa representativa do conxunto da provincia, paritaria e que sexan os mellores para dirixir esta nova etapa".

"O meu compromiso é seguir traballando para incrementar iso o que agora ten o partido, pero con algunhas alcaldías e, por suposto, renovar o goberno da Deputación Provincial porque creo que é moi necesario para a provincia de Lugo", afirmou.

Pola súa banda, Iván Castro, en declaracións a Europa Press, mostrouse "moi contento" polo resultado e enxalzou ese 42% alcanzado "só coa forza da militancia". "Isto vai reforzar o proxecto socialista de face ao futuro, houbo debate e actividade. As primarias son o noso sinal de identidade, foi un proceso limpo, que finalizou ben e sen cousas negativas para o partido. Por tanto, estamos moi satisfeitos", afirmou.

OURENSE

Tras os resultados, en declaracións aos medios, Patricia Domínguez felicitou a Vila polo resultado e á militancia do partido socialista pola participación neste proceso. "A diferenza vén dada polo resultado da cidade, onde dúas faccións do partido, historicamente enfrontadas, puxéronse de acordo para ter este resultado", sinalou. Neste sentido, fixo unha reflexión persoal de que a estratexia levada a cabo na Deputación "é un erro" e que "así o dixo este domingo a provincia" e espera que "se rectifique".

Pola súa banda, Álvaro Vila cualificou o proceso como "moi intenso", con "un claro gañador: o PSOE de Ourense" e a súa "unión que vai representar o futuro deste partido". "Non hai marcha atrás na filosofía que temos de afrontar todos os procesos electorais xuntos, de tomar todas as decisións conxuntamente, e aceptar ese tipo de decisións cando vaiamos facer", apuntou.

A continuación, sinalou que "cumpriron" as expectativas e que os resultados foron "moi satisfactorios". "Agora o único que toca é facer fincapé no esforzo que temos que facer e ser totalmente responsables de onde nos puxo a militancia", subliñou.

A partir de agora deberá facer "un traballo intenso" no que haberá "dificultades", pero mostrouse convencido de que coa colaboración de todos "vano a conseguir".

Consultado por ese cambio nas políticas da Deputación sobre o que falou Domínguez, Vila ha segue apostando por un "modelo de acordos, de diálogo e de chegar a acordos" e avanzou que fará unha reunión cos alcaldes para "testar" se o traballo que realiza o partido na Deputación conta coa aprobación dos rexedores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta