Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/04/2025 | Actualizada ás 15:18
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegurou este sábado que no Debate sobre o Estado da Autonomía quedou "demostrado" que o Partido Popular, liderado por Alfonso Rueda, "representa a Galicia do si", fronte a unha esquerda que, ao seu xuízo, "só busca torpedear o futuro" da Comunidade. Prado fixo estas declaracións durante unha visita á Praza de Abastos de Lugo, acompañada pola portavoz municipal do PP, Elena Candia, e pola deputada autonómica e concelleira Cristina Sanz, onde fixo balance da "intensa semana" vivida no Parlamento galego.
A dirixente popular destacou que Rueda presentou unha "folla de ruta de medidas ambiciosas e realistas" destinadas a mellorar a vida dos galegos e galegas, iniciativas das que, segundo afirmou, tamén se beneficiarán Lugo e a súa provincia. Subliñou que moitas destas propostas naceron das achegas dos alcaldes e portavoces locais, e puxo en valor que o PPdeG logrou aprobar 53 propostas de resolución, sete delas por unanimidade, demostrando "disposición constante ao diálogo e á negociación".
Frente a isto, lamentou que o BNG, ao que cualificou como "Bloque Negacionista Galego", tratase de "torpedear" o debate sen chegar a acordos, mostrando unha "deslealdade nunca vista". Prado criticou que a formación nacionalista rexeitase medidas como o reforzo da atención en saúde mental, consensuada entre PP e PSOE, así como outras propostas relacionadas coa ordenación do litoral ou co impulso do uso do galego.
Finalmente, Paula Prado acusou o BNG de "non querer nada bo para Galicia", senón de limitarse a "facer ruído e entorpecer o labor do Goberno galego", en contraste cun PPdeG que, segundo defendeu, traballa "pensando no futuro da Comunidade e no benestar dos seus cidadáns".
O BNG TEN OUTRA PERCEPCIÓN
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, aproveitou este sábado para facer un balance do Debate sobre o Estado da Autonomía celebrado esta semana na Cámara galega, un debate no que, segundo indicou, os nacionalistas puideron comprobar a concepción "absolutamente subordinada" do Partido Popular respecto de Galicia.
"Un debate onde tivemos que escoitar por boca do Partido Popular negar a existencia da nación galega, coa desvergoña política de quen quere facer de Galicia algo pequeno e irrelevante", sinalou a líder nacionalista durante o acto de presentación da proposta do BNG para dar a Galicia "a chave do seu diñeiro" a través dun concerto económico.
Durante o acto, que se celebrou na mañá deste sábado en Santiago, Pontón esgrimiu que, para o PP, "Galicia non é unha nación porque leva 16 anos gobernando desde a submisión e o centralismo máis cutre, por iso Galicia non é máis nada que unha sucursal do centralismo madrileño".
Neste sentido, asegurou que o PP é "incapaz" de pensar "en grande" respecto de Galicia porque "a está vendendo a prezo de saldo" e afeou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que "traballe para Altri, para a megaminería e para favorecer o espolio eólico".
"O partido popular é incapaz de pensar Galicia en grande e por iso négalle o seu status de nación, algo do que xa falaban as Irmandandades da Fala ou Castelao, a quen hoxe, unha vez máis, reivindicamos como quen foi o arquitecto da Nación Galega e o primeiro presidente de Galicia", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.