Galicia, en alerta tras o apagón xeral: activado o nivel 2 do Plan de Emerxencias de Galicia

A actividade hospitaliaria funciona con normalidade grazas aos equipos electróxenos pero hai caos no transporte e en outros moitos sectores.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/04/2025 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, chegou ao Centro de Coordinación Operativa Integrado (CECOPI) na sede da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) dende onde se coordina o xa decretado Plan de Emerxencia de Galicia no nivel 2. Alí fixo un chamamento á "calma" e a non facer desprazamentos innecesarios. Así, o titular galego destacou que "o combustible é fundamental", polo que sinalou que "hai que ser precavido" e pensar que é preciso "abastecer hospitais e residencias".

Lámpada de  luz
Lámpada de luz | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo enerxía e electricidade

"Hai que ter moita paciencia. Agardemos que a subministración volva canto antes", apuntou, antes de afirmar que está volvendo nalgunhas zonas da Comunidade. Nesta liña, manifestou que "están arrincando algunhas centrais hidroeléctricas", aínda que insistiu en que o prioritario é "garantir a subministración da atención hospitalaria e urxente". Das incidencias notificadas, detallou que a maioría das rexistradas no 112 Galicia foron por persoas atrapadas en elevadores.

Sobre as chamadas á central de emerxencias dixo que "van diminuíndo", o que, relatou, "quere dicir que a situación é un problema de falta de subministración". Mentres, no Cecopi, onde permanecen reunidos representantes do Goberno autonómico de diferentes departamentos, así como o delegado do Goberno e responsables das forzas e corpos de seguridade, planifican a situación, "que ten os seus protocolos" e que, engadiron, están "aplicando". "Tranquilidade á xente. Garantir a subministración onde é esencial e que a xente teña a seguridade e que todo o que está previsto neste nivel 2 estamos a facelo de maneira coordinada. Oxalá non haxa que pasar a un nivel máis alto", subliñou Alfonso Rueda.

OUTRAS MEDIDAS

Así mesmo, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, manifestou que a primeira preocupación foi a "autonomía" dos centros hospitalarios. Tamén nos colexios explicou que se garantiu que o alumnado seguise a súa xornada de clases e que os transportes continuasen "sen ningún tipo de problema". Do mesmo xeito, Calvo, que compareceu acompañado polo director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, explicou que a rede de transportes de autobuses "vai seguir funcionando", aínda que precisou que non se poden coller os billetes nos despachos de billetes pero si no autobús.

En canto ás residencias de maiores, asegurou que buscan "cales son as que poidan ter algún problema na subministración eléctrica para restablecela". "Estas foron todas as medidas que fomos tomando nestes momentos e seguimos traballando para poder xestionar que todo siga funcionando sen ningún problema", manifestou Calvo. Doutra banda, tamén aproveitou para pedir á cidadanía que "restrinxa na medida do posible" os desprazamentos con vehículo, posto que as estacións de servizo non funcionan ao non contar con subministración eléctrica.

REFORZO 112 GALICIA

Ademais, Santiago Villanueva explicou que se reforzou o número de operadores na sala do 112 Galicia, onde, aínda que nun primeiro momento houbo "unha fervenza de chamadas", agora "está a funcionar con normalidade". En relación cos protocolos para seguir, o responsable de Emerxencias detallou que primeiro se priorizan actuacións vinculadas coa saúde e despois outro tipo de actuacións. En definitiva, explicou, o que permite a activación do nivel 2 é coordinarse entre administracións e "priorizar e ver as necesidades en cada momento".

RUEDA ANUNCIABA A ACTIVACIÓN DO PLAN DE EMERXENCIAS A MEDIODÍA 

O presidente da Xunta xa anunciara a activación do Plan de Emerxencias de Galicia, asegurando que todo o sistema de chamadas de emerxencias estaba colapsado polo apagón masivo que afecta a toda a península. "O conselleiro xa está na Estrada. Estamos recibindo moitas chamadas e o que busca é poder coordinarse co resto de administracións e tomar as medidas que sexan necesarias", dixo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.

Rueda recoñeceu que non sabía aínda as causas deste apagón. De feito, en plena rolda de prensa recibiu a chamada do delegado do Goberno, Pedro Blanco, para informarlle do pouco que se sabe ata agora, que o apagón é masivo en toda a Península.  "Unha crise da que non sabemos as dimensións e a situación é moi grave", engadiu. "Seguimos sen saber causas. Red Eléctrica di que comeza a recuperar a tensión", indicou. Con todo, quixo tranquilizar á poboación asgurando que os servizos asistenciais e sanitarios están funcionando con normalidade grazas a grupos electróxeno.

ZONAS RECUPERAN A ELECTRICIDADE

Distintos puntos de Galicia foron recuperando paseniñamente a luz, aínda que os principais núcleos de poboación seguen sen ela. 

COLAS EN SUPERMERCADOS E GASOLINERAS

Tras a colpaso xeral, moitos galegos e galegas volveu acudir en masa a supermercados e gasolineiras. Moitos destes establecementos colapsaron, en parte, porque o sistema de pago electrónico quedou sen servizo. A Xunta e Emerxencias de Galicia insisten en pedir calma e que a xente evite o pánico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta