Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/05/2021 | Actualizada ás 14:01
Reunións de dez persoas en exteriores e seis persoas en interiores é unha das principais novidades que incorporará a Xunta, a partir deste sábado 29 de maio, á 'desescalada' galega iniciada co fin do estado de alarma o pasado 9.
Tras a reunión do comité clínico este martes e do Consello da Xunta este mércores, o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, informou desta novidade, que tamén inclúe o aumento dos aforamentos, que con carácter xeral para toda Galicia --salvo para concellos en nivel alto de restricións ou máximo-- pasará do 50 ao 75 por cento.
Concretamente, este aumento de aforamentos afecta o comercio, reunións profesionais, culturais e académicas. O criterio básico é manter a distancia de seguridade nuns 1,5 metros. A partir do 29, ademais de Lobios, que xa permanece en restricións máximas desde o pasado sábado, estarán nesta situación os municipios de Mos e da Pobra do Caramiñal, que xa estivo no nivel máis limitado hai varias semanas. Neste nivel permanece o toque de queda desde as 23 ata as 6 e a prohibición de encontros con non convivientes, así como a hostalaría pechada.
Trala ratificación das medidas por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Feijóo volveu a agradecer a "sensibilidade" dos xuíces para conter a evolución da pandemia en Galicia, ao avalar unhas restricións que o TSXG considerou "proporcionais" á situación e encamiñadas a evitar o risco de transmisión do virus.
RESTRICIÓNS POR CONCELLOS
A partir do 29, ademais de Lobios, que xa permanece en restricións máximas desde o pasado sábado, estarán nesta situación os concellos de Mos e da Pobra do Caramiñal, que xa estivo no nivel máis limitado hai varias semanas. Neste nivel permanece o toque de queda desde as 23 ata as 6 e a prohibición de encontros con non convivientes, así como a hostalaría pechada.
No nivel alto de restricións para os concellos que incrementaron a súa incidencia ou se manteñen en taxas elevadas estarán Ribeira, Ordes, Moraña, Ponte Caldelas e Viveiro. Nos concellos neste nivel só está aberta a hostalaría nas terrazas e a un 50 por cento.
Ademais, as medidas do nivel medio, con hostalaría aberta ao 30 por cento en interiores e ao 50 por cento en terrazas, permanecerán desde o sábado nunha ducia de municipios das catro provincias: O Barco de Valdeorras, Moaña, Ponteareas, Cambados, Bueu, Boiro, Rianxo, Cee, Xove, Cervo, Vilalba e Monforte.
No resto dos concellos estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo, que supoñen hostalaría ao 75 por cento en terrazas e ao 50 por cento en interiores.
Ademais, para toda Galicia, agás para os municipios con restricións máximas, rexen as mesmas condicións para as reunións (desde o sábado serán dez en exteriores e catro en interiores) e a prohibición de encontros entre a 1 e as 6 da madrugada. Tanto os límites nos encontros como estas restricións de reunión na madrugada foron avaladas xa en dúas ocasións polo TSXG.
MÁIS ALIVIO NAS RESIDENCIAS
Ademais, o presidenten da Xunta avanzou un maior alivio nas residencias de maiores, nas que se iniciou xa hai varias semanas a desescalada coa posibilidade de visitas e saídas.
Así, naquelas residencias de nivel medio e medio baixo, os residentes poderán saír do centro todos os días da semana, aínda que se mantén a duración desta actividade nun máximo de catro horas.
Pola súa banda, os traballadores que completasen a pauta completa da vacina con sete días de antelación ou máis, xa non terán que cubrir a enquisa epidemiolóxica que tiñan que facer cada día antes de empezar a súa quenda. "Si", precisou o mandatario autonómico, aqueles que "rexeitaron" ser vacinadas.
BARRAS DE BAR, ALBERGUES, PISCINAS
Doutra banda, e ao ser preguntado por estas cuestións, Feijóo indicou que por agora "non se falou" de abrir as barras dos bares. "Estamos nunha situación razoable", destacou, pero a continuación advertiu de que o virus "existe" e sinalou que "pensar que por ter menos incidencia o virus non actúa, é un erro".
Tamén están a preparar e pensando nas actividades do verán, pero aínda se produciron avances. Así, Feijóo advertiu de que se están "estudando" os protocolos para albergues, monitores de lecer e tempo libre, piscinas e praias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.