Quiroga exalta un dos seus produtos estrela, o aceite

Este domingo 30 de maio celebra a XXI Mostra do Aceite na contorna do Muíño de Bendilló, no lugar das Farrapas. Coñecemos o programa, as medidas de control sanitario e falamos cun dos colleiteiros.

Por X.M. Fernández | Quiroga | 28/05/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A promoción e recuperación deste produto impulsouse dende o Concello de Quiroga coa celebración dende o ano 2.000 desta mostra do aceite autóctono no entorno dun muíño de aceite rehabilitado, no lugar coñecido como “as Farrapas” na aldea de Bendilló.  Está moi preto da N-120 e a poucos quilómetros do núcleo urbano de Quiroga

Muíño de Bendilló. Foto: XMF
Muíño de Bendilló. Foto: XMF

A almazara consta de pía para moer, mazo para prensar e decantadora, baixo unha construción de lousa con cuberta a unha auga e totalmente restaurado no ano 1993. E aquí será onde o domingo 30 teña lugar a XXI Mostra do Aceite de Quiroga, celebración declarada ‘Festa de Interese Turístico’ en maio do 2013.

Este ano, para facilitar que os asistentes poidan ver a elaboración do aceite tradicional, controlarase o aforo de acceso ao muíño con preferencia para os que teñan reserva; e para coñecer doutro xeito o proceso, evitando tamén posibles aglomeracións, proxectarase na Capela das Farrapas un vídeo.

O vídeo en cuestión está feito pola Televisión Municipal de Quiroga con material de arquivo, ten unha duración duns 3-4 minutos e nel poderase ver todo o proceso de elaboración do Aceite de Quiroga e imaxes dalgunha mostra anterior. A idea é organizar quendas controladas de xente para o acceso e ofrecer outro atractivo complementario á visita ao muíño ás e aos visitantes.

HORARIO, AFORO E PROGRAMA

O recinto feiral estará aberto dende as once e media da mañá ata as dúas do mediodía. Para poder acceder ao recinto da mostra e ao muíño poderase concertar cita previa, a través do teléfono 982 435125. A organización decidiu que en cada hora --duración que se estima de cada visita-- non haxa máis de 200 persoas en todo o recinto feiral, polo que aínda que a entrada é libre, darase preferencia de entrada a aquelas persoas que concertaran cita previamente.

Recinto feiral. Foto: XMF
Recinto feiral. Foto: XMF

Ademais da posibilidade de coñecer o proceso de elaboración do 'ouro líquido' non faltará a parte festiva e comercial. A música do grupo de gaitas O Recanto deixarase sentir polo recinto feiral a partir das doce do mediodía. No recinto feiral, xunto cos 4 olivicultores presentes na mostra deste ano, haberá varios postos de produtos de alimentación e de artesanía da zona.

ENTREVISTA A UN COLLEITEIRO

Falamos cun dos olivicultores presentes na edición deste ano, José Manuel López Maseda, colleiteiro socio de Ouro de Quiroga.

Como foi a produción do 2020?

A colleita do 2020 adiantouse, en outubro estabamos xa collendo as olivas, e foi normal en cantidade e moi boa en calidade. As olivas estaban moi sanas.

Destacas a calidade, por que?

Porque foi unha das mellores colleitas dos últimos sete anos. Tanto é así que ata valoramos presentar o noso aceite a algún concurso. Este ano o aceite saíu moi equilibrado, os frutados, picor e amargor están moi ben proporcionados.

Como foi a comercialización coa pandemia?

Notouse algo o parón no peor da pandemia pero reactivouse a venta directa e en tendas especializadas. Houbo baixón en restauración, un sector no que estamos entrando, a ver se o imos recuperando.

Tamén servides logo a restauración?

Si. Hai restaurantes que o empregan en mesa e algún cociñeiro tamén en cociña. Temos un formato especial para traballar en cociña e empezamos a chegar a restaurantes de alto nivel que o usan para algunhas elaboracións.

Será esta mostra a primeira saída para vender ao público que facedes este ano?

Si. Non é o noso escaparate principal pero aquí intentamos estar cada ano.

Que aceites tedes para venda ao público?

Os dous que traballamos, o plurivarietal e o autóctono, elaborado coas variedades Brava e Mansa.

Música tradicional para amenizar a Mostra do Aceite. Foto: XMF
Música tradicional para amenizar a Mostra do Aceite. Foto: XMF
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta