Paso adiante na loita pola erradicación da praga da flavescencia dourada da vide

O Consello da Xunta aprobou o decreto polo que se cualifica de utilidade pública a erradicación da praga da flavescencia dourada da vide. Esta norma establece medidas de prevención e loita, así como os deberes das persoas operadoras profesionais, titulares de parcelas de viñedo e profesionais para o seu control.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 07/04/2025 | Actualizada ás 18:06

Comparte esta noticia

O Consello da Xunta aprobou o decreto polo que se cualifica de utilidade pública a erradicación da praga da flavescencia dourada da vide. Esta norma establece medidas de prevención e loita, así como os deberes das persoas operadoras profesionais, titulares de parcelas de viñedo e profesionais para o seu control. Entre outras cuestións, deberán vixiar a presenza da flavescencia dourada nas súas plantacións e viveiros e comunicar aos servizos competentes a detección de viñedos ou outras plantas hóspedes afectadas ou con síntomas sospeitosos desta doenza.

Ademais, determínanse medidas obrigatorias para titulares de parcelas vitícolas na zona infestada, como é a de eliminar e destruír, canto antes, todas as plantas confirmadas como positivas e sintomáticas. Tamén se terán que aplicar tratamentos fitosanitarios con insecticidas autorizados en todas as plantas da parcela infestada. Estas cuestións son extensibles aos operadores profesionais, neste caso nas súas parcelas ou instalacións. Tamén se especifican medidas semellantes para as zonas tapón e de risco. No decreto estipúlase que as medidas previstas serán adoptadas polas persoas interesadas e, se non levan a cabo, a Administración poderá proceder á súa execución de forma subsidiaria.

Tamén se indica que aquelas persoas propietarias que realicen os traballos de erradicación pola súa conta poderán ser beneficiarias dunha indemnización, cuxas condicións se establecerán mediante unha orde específica. O decreto entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), que se prevé en datas próximas. Esta enfermidade, detectada en Galicia en novembro de 2022, está provocada por un fitoplasma e transmitida por un insecto ('Scaphoideus titanus') que pode chegar a causar a morte das cepas.

AXUDAS PARA RECONVERSIÓN DE VIÑEDO

Por outra banda, a Xunta coñeceu este luns a convocatoria de novas axudas para a reestruturación e reconversión de viñedo, dotadas de 4 millóns de euros. Estes apoios buscan incrementar a competitividade das explotacións vitícolas, adaptar o cultivo do viñedo ao cambio climático e avanzar na súa sustentabilidade. Poderán ser beneficiarios destes apoios os viticultores cuxos viñedos se destinen á produción de uva para vinificación e que cumpran coa normativa vixente en materia de plantación. A convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 10 de abril e o prazo de presentación de solicitudes finalizará o 25 deste mes. No período 2018-2024 destináronse preto de 17 millóns de euros para 1.083 persoas beneficiarias no marco destas achegas, cunha superficie de actuación de 1.518 hectáreas.

APOIO A AGRUPACIÓNS FORESTAIS

Noutra orde de cousas, o Goberno galego convoca axudas para fomentar a creación de agrupacións forestais de xestión conxunta cunha partida de 1,4 millóns. As axudas se subdividen dúas liñas centradas na creación de novas agrupacións, con ou sen base territorial, e no apoio ás xa existentes. "Estas figuras permiten mellorar a eficiencia económica, aumentar o acceso a recursos e subvencións, e promover prácticas forestais máis sustentables e responsables", sostén a Xunta. Actualmente hai 24 agrupacións inscritas, que abarcan unha superficie total de 3.145 hectáreas mediante a reunión de 9.250 parcelas e 925 persoas socias, cinco delas de recente creación.

Praga da flavescencia dourada da vide
Praga da flavescencia dourada da vide | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta