Pequenos produtores de leite uniranse para evitar que a industria lles pague menos

Unións Agrarias (UU.AA.) promoverá a creación de agrupacións comarcais de pequenos e medianos produtores de leite co obxectivo de evitar que a industria lles pague menos que a grandes explotacións, tendo en conta que constata a existencia dun diferencial que cifra nuns 10 céntimos por cada litro de leite.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2025 | Actualizada ás 14:24

Comparte esta noticia

Unións Agrarias (UU.AA.) promoverá a creación de agrupacións comarcais de pequenos e medianos produtores de leite co obxectivo de evitar que a industria lles pague menos que a grandes explotacións, tendo en conta que constata a existencia dun diferencial que cifra nuns 10 céntimos por cada litro de leite. En rolda de prensa, o secretario xeral do sindicato agrario, Roberto García, xunto con Félix Porto (acción externa de UU.AA.) e Óscar Pose (sector lácteo), situou nuns 51 céntimos por litro de leite o que cobran de media as granxas que máis producen na comunidade e uns 41 céntimos por litro o que perciben aquelas de menor tamaño (as que venden entre 350.000 e 400.000 litros).

Por iso, e dentro da organización de produtores xa impulsada por Unións, agora quere fomentar a constitución de subgrupos para negociar coas industrias cun volume maior de venda, unha ruta de recollida prefixada e, en suma, maior capacidade para que non existan tales diferenciais de prezos. García criticou que "ningunha" destas granxas ás que se están abonando prezos menores "queda a desman da ruta", polo que asegura que o diferencial "non se xustifica por custos de loxística". Atribúeo, así, a un "abuso" da "condición dominante" das industrias.

Cumpridos tres meses da campaña que iniciou o sindicato para reducir o diferencial de prezos do leite galego en orixe con respecto aos do Estado, o líder de UU.AA. falou de "éxito relativo", pois este recortouse "a practicamente nada", aínda que "non se acurtou" con Europa. A diferenza de prezos "corríxese", segundo os seus datos, por mor dos contratos xa asinados, "nun 33 % das granxas e un 75 % do leite producido". Deste xeito, Roberto García pon o foco sobre ese "65 % dos gandeiros que ven aumentar o diferencial", que son aqueles que producen por baixo dos 400.000 litros de leite, volumes "pequenos e medianos".

A industria, segundo denunciou, está "a expulsalos" con esa diferenza que sitúa ao redor dos 10 céntimos por cada litro. Ou ben precipita a súa xubilación ou ben os bota do mercado, segundo afirma. No que incumbe á Xunta, censurou que "segue habendo barra libre" para o acceso ás axudas e non lle consta ningunha reunión con industrias e distribución. Neste escenario, Unións prevé a elaboración dun informe para a Comisión Galega de Competencia e tamén dará a coñecer á Aica (axencia de información e control alimentarios) a existencia maioritaria de contratos de catro meses, cando a normativa obriga a que sexan dun ano a non ser que renuncie a este período o propio produtor. Por último, insta o establecemento dunha "discriminación positiva" no acceso ás axudas públicas para aquelas industrias que cumpran.

Vacas de leite
Vacas de leite | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta