D.O. Valdeorras, partner oficial da WSET, a entidade formativa máis prestixiosa do mundo do viño

Convértese así na única Denominación de Orixe española que forma parte deste selecto club. A noticia deuse a coñecer nunha táboa redonda organizada o pasado 25 de marzo no Liceo de Ourense.

Por Galicia Confidencial | O Barco de Valdeorras | 29/03/2025 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Segundo explicaba o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, Marcos Prada Ginzo, a razón desta colaboración, é “reforzar a vontade de conectar Valdeorras co coñecemento, para que os profesionais do sector poidan descubrir o que nos fai únicos e levar a nosa historia a novos mercados e novas xeracións”.

Táboa redonda no Salón de Actos do Liceo de Ourense. Foto: CRDO Valdeorras.
Táboa redonda no Salón de Actos do Liceo de Ourense. Foto: CRDO Valdeorras.

A alianza coa WSET chega nun momento moi significativo para a D.O. Valdeorras: o seu 80 aniversario, “oito décadas nas que temos defendido a calidade dos nosos viños, preservado as nosas variedades autóctonas e proxectado a nosa identidade nos mercados”, aseverou o presidente. 

O presidente do INORDE, Rosendo Luis Fernández, apuntou que “a nosa obriga é apoiar ao mundo do viño porque é un magnífico promotor do territorio” e desta forma estaremos “creando riqueza”. Facendo unha chiscadela á comarca dixo finalmente: “a única forma de beber sen ter sede é cos viños da D.O. Valdeorras”.

Pola súa banda, o tenente de alcalde do Concello de Ourense, Aníbal Pereira Novoa, subliñou “a obriga que temos as institucións de estar apoiando os viños da provincia” porque, dixo, “poñédesnos na élite internacional”. Tamén quixo remarcar o acerto “de apostar pola formación, que é clave”, e que será “unha experiencia positiva” na que Ourense “estará á vosa disposición”.

Pechou as intervencións institucionais o director de AGACAL, Martín Alemparte, quen afirmou que “en Galicia, o viño, máis que unha actividade económica, é unha identidade”, un “legado que debemos manter no tempo”. Para iso, insistiu na importancia de “formar aos profesionais de cada eslabón da cadea de viño” para que adquiran “unha linguaxe común nun contexto internacional”.

Brinde no acto celebrado no Liceo de Ourense. Foto: CRDO Valdeorras.
Brinde no acto celebrado no Liceo de Ourense. Foto: CRDO Valdeorras.

TÁBOA REDONDA 

O xornalista enogastronómico Enrique Calduch foi o encargado de moderar o pasado 25 de marzo no salón de actos do Liceo de Ourense a mesa táboa redonda “O futuro do viño pasa pola formación e a excelencia”. Nela interviron David Martín, responsable da WSET para Europa, Oriente Medio e África, Shua Ibáñez, sumiller do Restaurante Arzak, María Federica Salvador, sumiller do Restaurante A Tafona, e Jorge Mazaira, Director Técnico da D.O. Valdeorras.

O acto contou coa presenza virtual da CEO da WSET, Michelle Brampton, que asegurou estar “desexando traballar con vostedes nos vindeiros meses e anos, para explorar oportunidades” e agradeceu á D.O. Valdeorras a súa “colaboración e compromiso co avance da educación en materia de bebidas”.  Destacou Brampton o “entusiasmo” co que abordan esta nova “asociación” e “as oportunidades que traerá consigo”.

Ademais dos alcaldes dos concellos de Valdeorras e demais autoridades políticas, no encontro estiveron representantes do sector, profesionais do mundo do viño, sumilleres, as adegas, viticultores e viticultoras, xornalistas, e persoas vinculadas á cultura e promoción do viño. Ao remate houbo uns petiscos elaborados polo Restaurante Nova de Ourense e unha selección de viños da D.O. Valdeorras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta