A Xunta traballa na normativa para retomar a caza do lobo cando se materialice a rebaixa da súa protección

Volverá ao sistema de control que tiña antes de setembro de 2021, polo que autorizará batidas, esperas e monterías.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 24/03/2025 | Actualizada ás 18:21

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia traballa na revisión e actualización da normativa que regula a actividade cinexética anual na comunidade co fin de retomar a caza do lobo e as medidas de control desta especie unha vez que se materialice a rebaixa do seu nivel de protección, que se fará efectiva coa exclusión das poboacións ao norte do río Douro da Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe). 

Foto de arquivo
Foto de arquivo | Fonte: PER HARALD OLSEN, NTNU - Arquivo

O Consello da Xunta analizou o acordo polo que se inicia a adaptación do marco normativo autonómico --a resolución que fixa as épocas hábiles de caza-- despois que o Congreso dos Deputados aprobase a semana pasada varias emendas a un proxecto de lei estatal polas cales as poboacións de lobo ao norte do Douro deixan de ser especies protexidas. En canto esa lei estatal se publique no Boletín Oficial do Estado e entre en vigor, a especie rebaixará o seu nivel de protección, do mesmo xeito que a que tiña antes de setembro de 2021, polo que se devolve ás autonomías a potestade de adoptar medidas de xestión e control.

A Xunta reclamaba desde hai tempo ao Goberno central a rebaixa do nivel de protección do lobo, dado que sostén que o estado de conservación das súas poboacións en Galicia é favorable. Os técnicos do Executivo autonómico analizarán todos os datos dispoñibles co fin de adaptar os criterios de valoración dos danos recorrentes causados polo lobo á situación actual pois servirán de referencia para a adopción das medidas de control previstas no plan de xestión da especie, aprobado en 2009 e plenamente vixente.

Deste xeito, poderán autorizarse batidas, esperas ou monterías en casos nos que se xustifiquen eses danos recorrentes ás explotacións gandeiras, medidas que contarían "cun rigoroso seguimento por parte da Administración galega co fin de garantir a preservación das poboacións", segundo di, para "compatibilizar a súa existencia cunha actividade económica". A Xunta traballa así para retomar o modelo de xestión vixente ata setembro de 2021, momento no que o Goberno central "aprobou de maneira unilateral e sen aval científico" a inclusión desta especie no Lesrpe.

AUMENTO DE DANOS

Segundo a información trasladada pola Xunta ao Goberno, as poboacións de lobo no territorio galego "é favorable" ao aumentar un 37 % nos últimos 20 anos. Indica que en Galicia hai 93 mandas e que a súa presenza está repartida por máis do 90 % da superficie da comunidade. Engade que, desde o ano 2021, os avisos por danos disparáronse preto dun 77 % e as reses afectadas por ataques da especie aumentaron un 57 %, cunha media de 10 animais atacados ao día. A Xunta resalta que o orzamento das axudas para compensar os ataques do lobo pasou de roldar os 350.000 euros de media antes de 2021 a superar os 900.000 euros no actual exercicio.

LOITA CONTRA ENFERMIDADES FÚNXICAS EN PIÑEIROS

Noutra orde de cousas, a Xunta destinará case 1,4 millóns nos próximos catro anos para reforzar a loita integrada contra as enfermidades fúngicas do piñeiro, coa Serra da Capelada como zona prioritaria de actuación. O Consello tomou razón dun informe da Consellería do Medio Rural no que se detallan estas accións, cunhas intervencións que se prevén estender ao resto do territorio. Así, faranse tratamentos fitosanitarios preventivos e silvícolas e avanzarase na selección xenética de árbores candidatas por resistencia, entre outras medidas. A superficie estimada desta actuación será de ao redor de 2.000 hectáreas, a metade delas en montes de xestión pública, nos cales os traballos xa están en marcha, e a metade restante en terreos de xestión privada, onde se buscará a participación e autorizacións dos seus titulares.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta