A Xunta acusa o BNG de lanzar "bulos" sobre Altri para crear preocupación

O BNG recorrerá á vía xudicial se a Xunta non fai público o expediente "completo" cos informes nos que se basea a "bastante sospeitosa" declaración de impacto ambiental (DIA) outorgada a Altri para a súa planta de Palas de Rei.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/03/2025 | Actualizada ás 13:18

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia insistiu en atribuír a "lóxica" preocupación social polo proxecto de Altri aos "bulos" lanzados polo BNG "e os seus satélites" e volveu a pedir "respecto" polos técnicos que elaboraron o informe favorable, antes de reiterar, sobre o proxecto: "Nin é altamente contaminante, nin nos imos a quedar sen auga e non vai chegar absolutamente nada á ría (de Arousa)". Así o trasladou, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, en declaracións aos medios en Sanxenxo, onde subliñou que, cando un técnico fai un informe, sexa favorable ou desfavorable, "está a cumprir estritamente a lei". "Non é posible que se equivoquen máis de 40 técnicos, que son especialistas e que sacan de media 220 DIA (declaracións de impacto ambiental) ao ano. Vanse a equivocar nesta e non se equivocaron no resto?", proclamou.

A conselleira recoñeceu que é "lóxico e normal" que haxa preocupación entre a xente polo proxecto de Altri (empresa da que sinalou que lle dá "pudor" pronunciar o seu nome, porque se está "manchando" o nome de empresas e empresarios multinacionais que apostan por Galicia), e atribuíuno aos "bulos" lanzados polo BNG "e os seus satélites". Respecto diso, volveu a incidir en que a Xunta é "garante" de que se cumpra a lexislación e lanzou unha mensaxe de tranquilidade a esas persoas e sectores preocupados: "Son libres de opinar, pero que teñan o absoluto convencemento de que nin é altamente contaminante nin imos quedar sen auga, e non vai chegar absolutamente nada á ría (de Arousa), porque o control o facemos nos primeiros 50 metros do río (...) e somos máis esixentes que o Goberno central".

O BNG TENTA "AMEDRENTAR"

Por todo iso, remarcou que "xa vai sendo hora de que o BNG se quite a careta" e diga que, ademais de cousas que non lle gustan, hai cousas que lle gustan, "e non pasa nada, porque estamos nun Estado de Dereito". "O que non pode ser é que tente amedrentar á xente, con esa imaxe terrible, na que pon en moi mala posición a Galicia, e saben perfectamente que non teñen razón", dixo a conselleira, que convidou aos nacionalistas a "avanzar" e "pasar da época de pedra ao século XXI". Para Ángeles Vázquez, "vai sendo hora de que o BNG lle diga a verdade aos galegos e non os utilice", e lembrou que fixo o mesmo co episodio de contaminación por pellets de plástico.

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, no Parlamento
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, no Parlamento | Fonte: MONICA ARCAY CARRO

PRADO CHÁMALLE "BLOQUE NEGACIONISTA GALEGO"

Na mesma liña, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, criticou a actitude de socialistas e nacionalistas en relación ao proxecto de Altri en Palas de Rei, aínda que apuntou con maior intensidade ao BNG, ao que se referiu como "Bloque Negacionista Galego", e ao que tamén afeou a súa postura sobre a mina de litio de Doade, en Beariz. "O primeiro que fixen esta mañá cando cheguei ao Parlamento, porque fun antes de vir (á sede galega do partido), foi ir a Novas Tecnoloxías a preguntar se os deputados do Bloque xa deixaron alí o computador e os móbiles. Porque, claro, teñen batería de litio e o señor Rego (Néstor) xa marcou o camiño de que se van a opor a este proxecto estratéxico da Unión Europea", manifestou, en ton irónico.

O BNG RECORRERÁ Á VÍA XUDICIAL

O deputado do BNG Luís Bará anunciou que o Bloque recorrerá á vía xudicial se a Xunta non fai público o expediente "completo" cos informes nos que se basea a "bastante sospeitosa" declaración de impacto ambiental (DIA) outorgada a Altri para a súa planta de Palas de Rei. En rolda de prensa en Santiago, Bará critica que esa declaración ambiental "é un documento de parte" que "dá por bo todos os informes proporcionados por Altri". Lembra que a Xunta dixo que había 36 informes asinados por 42 técnicos da Xunta, polo que o Bloque quere "acceder a esa documentación". "Toda a sociedade galega está a desexar coñecer eses informes que non se coñecen, que son secretos", incide.

Por iso, o Bloque rexistra na Cámara galega a solicitude desa documentación que "se está negando", pero avisa que irán aos xulgados, de ser necesario, "porque xa está ben de burlarse do Parlamento" e o seu uso "de maneira antidemocrática", como unha "leira particular" do PP. "O que nos parece a nós é que a Xunta, o Partido Popular, non deben confiar moito neses informes porque non os fai públicos", asevera. "Se di que están tan ben feitos, que problema hai en dalos a coñecer?", cuestiona. O deputado nacionalista asegura que "moitos destes informes foron externalizados", "foron realizados por persoal externo á Xunta de Galicia, o que podería ser ilegal e ser motivo de todo o procedemento". "Se cadra é por iso que non quere facelos públicos", agrega.

HEREU: "ALTRI TRAMITARASE COMO CALQUERA OUTRO PROXECTO INDUSTRIAL"

Pola súa banda, o ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu, reitera que o seu departamento tramitará o de Altri en Palas de Rei "como calquera outro proxecto industrial" e farao "con plena obxectividade". "Quero reiterar que, no noso caso, como Ministerio de Industria, tócanos xestionar e tramitar os expedientes que nos chegan. Son actos regulados", destacou, a preguntas dos xornalistas durante un acto. Neste sentido, sinalou que "o desenvolvemento dos 'Pertes' está en base aos comités técnicos que están a avaliar" e apelou a "esperar ás decisións das resolucións do 'Perte' de descarbonización neste caso". "Sempre dixen que nós avaliamos con rigor, con obxectividade os proxectos industriais", insistiu, coñecedor de que "este caso está sometido a un gran debate social, político en Galicia". En todo caso, dixo Hereu, ao Ministerio tócalle "tramitar con plena obxectividade este proxecto como calquera outro proxecto industrial".

YOLANDA DÍAZ

Tamén a ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, criticou que a Xunta queira financiar o proxecto de 'macrocelulosa' de Altri con fondos europeos a pesar de que o proxecto, ao seu xuízo, ameaza con destruír "moitísimos máis empregos dos que creará". 
"Vai destruír centenares de miles de postos de traballo e de empresas na comunidade autónoma de Galicia", avisou a titular de Traballo, que tamén advertiu do impacto ambiental deste proxecto. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta