Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2025 | Actualizada ás 14:12
A deputada do BNG Montse Prado mostrou o seu rexeitamento á medida da Consellería de Sanidade de que os MIR de último ano reforcen os centros de saúde no verán, xa que considera que unha situación "excepcional" non debe converterse "en permanente". En rolda de prensa este luns, a parlamentaria nacionalista reprochou a Sanidade que anuncie que "a situación vai estar moi complicada" este verán, "que non hai profesionais, que van xubilarse moitos médicos en 2025". "Que sorpresa; non o sabiamos", ironizou antes de tachar de "dramático" que o Goberno galego "actúe desta forma".
Para Montse Prado, o departamento autonómico "volve á situación de excepcionalidade" de que os MIR, "que aínda non finalizaron a súa formación", sexan contratados "para cubrir a falta de profesionais". "Queren converter unha medida excepcional, para un momento concreto, en normal. Opómonos, igual que colectivos de profesionais e sindicatos, a que unha medida excepcional poida converterse en permanente", reprochou. Segundo a deputada do BNG, o PP "non ten intención en superar os problemas" nesta materia e acusou aos responsables de "improvisación para facilitar o negocio ás empresas multinacionais".
ANUNCIOS XUNTA
Ademais, Montse Prado sinalou na súa intervención que o PP, un ano despois de iniciarse a lexislatura, non pasou de "os anuncios" á "realidade". En concreto, mencionou o plan de RRHH, a introdución de psicólogos clínicos en atención primaria, o novo plan de saúde mental ou o novo modelo de atención primaria. Neste contexto, Prado asegurou que o PP é "letal" para a sanidade pública galega" e criticou que todas as medidas tomadas "tiveron como obxectivo a deterioración da sanidade". Nesta liña, pediu non aceptar "como normal" o "mantra" de que "non hai facultativos". "Non os hai porque o PP non quixo planificar. A realidade é que hai profesionais doutras moitas categorías e tampouco contratan", insistiu.
Do mesmo xeito, censurou que "tampouco queren actuar sobre as causas que xeran falta de profesionais", entre as que mencionou "as condicións laborais, a carga asistencial e non planificar as necesidades de formación dos profesionais". Tamén acusou ao PP de "drenar profesionais cara á sanidade privada", xa que "nestes momentos ofrece máis estabilidade". Doutra banda, a parlamentaria do Bloque pediu á Xunta que tramite "por urxencia" o contrato do servizo dos helicópteros do 061 de Santiago e Ourense despois de anunciar a rescisión do mesmo por "reiterados incumprimentos do servizo".
MANIFESTACIÓN 6 DE ABRIL
Así mesmo, fixo un chamamento á cidadanía a que acuda á mobilización convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública este domingo, 6 de abril. Para Montse Prado, é "urxente" que o PP "rectifique" e poña en marcha o plan de Recursos Humanos, así como un plan de choque para acabar coas listas de espera. En definitiva, que tome medidas "estruturais" e finalice coa "excepcionalidade de contratar profesionais MIR para solucionar problemas estruturais". Tamén pediu a comparecencia do conselleiro no Parlamento para dar explicacións sobre a caída do falso teito nunha planta do Hospital Materno Infantil de Ourense. Prado quere que Gómez Caamaño dea explicacións do ocorrido e avance "que medidas vai tomar para pechar este centro e deixar de pór en risco a profesionais e persoas que acoden alí".
BESTEIRO ADVIRTE DO "DESMANTELAMENTO" DA SANIDADE PÚBLICO DO PP
Pola súa banda, o secretario xeral e portavoz parlamentario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu que Galicia vive unha situación de "desmantelamento continuo" da sanidade pública a mans do PP e de Alfonso Rueda, ao que acusou de xestionar vía "improvisación permanente" con solucións que anuncian como temporais pero que "acaban sendo definitivas". Así se pronunciou en declaracións aos medios ante o Centro de Saúde de Conxo, onde a atención sanitaria foi trasladada de forma provisional a uns colectores modulares habilitados para prestar a asistencia sanitaria mentres leva a cabo a reforma integral do edificio.
Na súa intervención, o líder dos socialistas denunciou que a Xunta "non está a garantir nin o acceso nin a calidade da atención sanitaria, especialmente na atención primaria". "Nos últimos anos, perdéronse mil profesionais sanitarios e deixáronse de formar 200 médicos no sistema sanitario galego. Ese é o resultado dun déficit de planificación e investimento", sostivo. Besteiro alertou de que "Galicia e Madrid son as comunidades que menos invisten en atención primaria e puxo o foco na situación da pediatría: "O 15 % das prazas de pediatras están vacantes. Isto non é unha estatística máis: son nenos e nenas sen atención médica adecuada", afirmou.
Tamén advertiu da "grave situación" da saúde mental en Galicia. "Hai un empobrecemento evidente tanto en profesionais da psicoloxía como da psiquiatría, e as listas de espera superan os seis meses para a atención psiquiátrica. É intolerable que quen necesita axuda urxente teña que esperar medio ano para ser atendido", indicou. Respecto ao centro de saúde de Conxo, criticou que, a pesar de estar en obras de rehabilitación, "vai quedar pequeno antes mesmo de terminarse, e o centro provisional que o substitúe está convertido en 'provisional para sempre', unha marca da casa de Rueda".
O portavoz socialista destacou que "hai máis de 220.000 galegos e galegas esperando por unha proba dun especialista e 50.000 por unha operación", datos que cualificou de "alarmantes" e que, na súa opinión, demostran que "o sistema sanitario galego está paralizado, colapsado e sufrindo unha perda inadmisible de calidade". Neste contexto, Besteiro advertiu de que "a perda de seriedade do PP coa sanidade pública reflíctese en que durante anos non tomaron as medidas que tiñan que tomar". "Agora chegan os problemas, e chegan porque houbo un déficit de planificación, un déficit de investimento e, sobre todo, un déficit á hora de aplicar máis fondos públicos á sanidade". "Todo isto derivou en parálise e solucións de 'provisional para sempre' que agora pagamos todos", engadiu.
O PSdeG anunciou, ademais, que o Grupo Socialista levará este asunto ao próximo pleno do Parlamento para pedir responsabilidades ao presidente da Xunta. "Temos un conselleiro que en lugar de ser parte da solución, é parte do problema. A sanidade é hoxe unha das principais preocupacións dos galegos e galegas, e o PP nin está nin se lle espera", criticou. Por último, chamou á mobilización cidadá na manifestación en defensa da sanidade pública convocada para este domingo en Compostela: "O PSdeG vai estar na rúa, como sempre estivo. Onte en Viveiro, hoxe en Conxo, defendendo unha sanidade pública accesible, digna e de calidade. É un ben moi prezado, e non o imos a permitir perder", apuntou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.