Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 31/03/2025 | Actualizada ás 22:00
Durante xeracións, as hortas e granxas familiares foron o piar do modo de vida rural en Galicia, proporcionando alimentos, asegurando a autosuficiencia e mantendo unha estreita relación co territorio. Sen embargo, nas últimas décadas, estes espazos foron desaparecendo a un ritmo acelerado, alo menos sobre o papel, segundo reflexan as estatísticas. A industrialización do sector agrogandeiro, o envellecemento da poboación, a emigración dos mozos e os cambios nos hábitos de consumo reduciron drasticamente o número de pequenas explotacións, poñendo en perigo un modelo que combinaba produción, sustentabilidade e cultura. A medida que desaparecen estas unidades familiares, pérdense os coñecementos tradicionais sobre cultivos, biodiversidade e xestión da paisaxe, ao tempo que a dependencia dos mercados globais e dos alimentos ultraprocesados segue en aumento. Ademais, a redución da actividade agrícola familiar afecta á economía local e contribúe ao abandono do medio rural, con consecuencias na conservación da contorna e na seguridade alimentaria.
Sen embargo, neste contexto tamén xurden iniciativas esperanzadoras. Movementos de agroecoloxía, proxectos de recuperación de variedades autóctonas e un crecente interese pola alimentación sustentable están impulsando novas maneiras de revitalizar o campo galego. O retorno de mozos e mozas emprendedoras, o impulso de políticas de apoio á produción de proximidade e a crecente concienciación sobre a importancia dun sistema alimentario máis xusto e sustentable abren a porta a unha posible recuperación. A clave está en atopar un equilibrio entre tradición e innovación, que permita recuperar o valor das hortas e granxas familiares nun mundo en constante transformación. E, neste punto, as Escolas Familiares Agrarias (EFA) de Galicia --Fonteboa, en Coristanco; Piñeiral, en Arzúa; e A Cancela, nas Neves-- teñen moito que dicir. Galicia Confidencial fala hoxe con Luis García, director da federación que as agrupa a todas.
Para García, antes de mirar cara o futuro, é importante ter claro o pasado do que partimos. "Vimos dunha Galicia rural na que, tradicionalmente, había unha economía do policultivo e da subsistencia", explica, sinalando que "naqueles tempos a cantidade de poboación rural era considerable". Xa na época moderna, "tendeuse cara a concentración poboacional nas vilas, centros cabeceira de comarca e cidades". A pesar diso, asegura que "aínda hai parroquias en contornas rurais que aínda resisten e contan con gran número de habitantes". Con todo, resulta innegable que "estamos nun proceso de mutación social continua que se reflexa tamén na paisaxe". E asegura que, "os que levamos tempo traballando en formación, sempre alentamos á incorporación e inserción laboral dos máis novos no rural e a explorar e explotar os recursos potenciais que temos en Galicia, porque a razón de ser dos nosos centros é a dinamización dos territorios rurais a través da formación das persoas". "Só coa formación se poden descubrir as oportunidades que hai no propio territorio", destaca. E é que, "tradicionalmente, para progresar, había que marchar; pero, hoxe, para progresar xa non hai que marchar, pero para poder quedar hai que formarse", reivindica.
"NOS ÚLTIMOS ANOS HOUBO UN ACELERADO PROCESO DE CONCENTRACIÓN DE EXPLOTACIÓNS PARA FACELAS MÁIS SUSTENTABLES E MELLOR ORGANIZADAS"
No tocante aos sectores económicos, sinala que "en Galicia, por exemplo, o sector lácteo sempre foi un dos motores da nosa economía rural, xunto á produción forestal", e, aínda que continúa séndoo, "nos últimos anos houbo un acelerado proceso de concentración de explotacións". Así, lembra que "se nos fixamos nos datos en crú, estatísticamente vemos como nos últimos anos practicamente cada día pechaba unha explotación", pero "eses datos realmente deben ser interpretados, porque só así podemos percatarnos de que o que houbo son moitos procesos de concentración de varias explotacións para facer unha máis grande, sustentable e mellor organizada", tendendo cara a "constitución de sociedades agrarias de transformación, cooperativas ou mesmo sociedades limitadas". Pola banda do sector forestal, sinala que "a súa evolución foi diferente dependendo da comarca", pois "hai determinadas comarcas que levan tempo apostando decididamente polo forestal e, en consecuencia, son esas as zonas nas que se detectan menos incendios forestais no verán, xa que os problemas de medioambientais adoitan xurdir nas zonas nas que hai máis abandono do rural".
Así mesmo, no caso da horticultura, para García resulta evidente que "tamén presenta un gran potencial polas condicións climáticas e o tipo de solo que ten a nosa terra", pero, ao igual que no ámbito forestal, a súa pervivencia e desenvolvemento depende da comarca. "Hai determinadas comarcas que presentan unha boa actividade hortícola, nas que a produción se orientou cara o mercado; e, outras, nas que se continúa cunha agricultura de policultivo e subsistencia", detalla. Deste xeito, insiste en que "os datos estatísticos están ben, pero tamén se deben interpretar axeitadamente". Para el é innegable que, "cando a xente e, especialmente, os máis novos, abandonan o rural, lóxicamente prodúcese un deterioro das granxas e das hortas familiares" e "iso é algo que calquera persoa con capacidade de observación pode ver". "O abandono que existe en certos lugares de Galicia provoca que determinados aspectos da nosa cultura e identidade se estean perdendo, como a poda de frutais ou o coidado das hortas", exemplifica.
"OS CENTROS DE ENSINANZA SECUNDARIA TAMÉN DEBERÍAN DAR FORMACIÓN AOS MOZOS TENDO EN CONTA AS POTENCIALIDADES EDUCATIVAS DE CADA ZONA"
Pero, lonxe de quedarse lamentando, para o director da Federación EFA Galicia é importante reivindicar todo ese patrimonio. "Trátase dun patrimonio que hai que rescatar do esquecemento, do abandono e do seu consecuente deterioro", resalta. García convida así a non perder de vista que "a nosa cultura rural tamén é un nicho de emprego". De feito, asegura que "moitos alumnos que rematan a súa formación nos nosos centros incorpóranse ás súas respectivas explotacións familiares, mentres que, outros, en función das circunstancias de cada quen, comezan a traballar como asalariados noutras granxas ou en empresas de horticultura e xardinaría, chegando un intre no que mesmo poden dar o paso a instalarse como autónomos". Así as cousas, sinala que "oportunidades de emprego neste tipo de servizos hai, o que acontece é que débense inducir, acelerar e promocionar, non deixalas pasar". Á fin e ao cabo, como resalta, "o deterioro de granxas e hortas familiares non se debe a unha única causa, senón a unha concatenación de causas entre as que cómpre destacar a perda de interese, a falta de coñecementos e a falta de capacidade técnica, que redundan na falta de competitividade e na falta de rendibilidade".
Lonxe desa imaxe pesimista que sempre tende a darse do rural galego, do que se di que está morrendo aceleradamente ante a falta de mozos, García aporta a súa visión positiva. "Falta tomar conciencia e facer plans concretos para o seu desenvolvemento, pero o rural é unha fonte de oportunidades para os mozos no presente e no futuro", asegura. Para lograr esa concienciación e espertar o interese das novas xeracións, considera necesario "dar formación, xa non só en centros específicos como as EFA, senón mesmo na ensinanza secundaria en xeral, pois ás veces preséntanse aos mozos uns modelos económicos moi desarraigados do territorio e sen considerar as potencialidades educativas que ofrece cada zona". "Os centros deben abrirse un pouco máis á súa contorna", resalta, sinalando que "non ten moito xeito que un centro instalado no rural galego estea totalmente desconectado da contorna rural na que imparte a formación, presentando aos alumnos modelos económicos e produtivos máis propios doutros ámbitos territoriais".
"A INNOVACIÓN NON É INCOMPATIBLE COA TRADICIÓN, AMBAS PODEN ACHEGAR PROGRESO, E AS RELACIÓNS URBANO-RURAIS NON SON ANTAGÓNICAS"
"Hai que descubrir o potencial educativo que encerra a contorna de cada un dos centros de formación de Galicia", asevera o director da Federación EFA Galicia. Deste xeito, o que se lograría, dende o seu punto de vista, sería "motivar aos alumnos, para que a súa aprendizaxe sexa máis aplicable na práctica". Ademais, tamén aposta por "fomentar o emprendemento e o sentimento de pertenza e arraigo local dos máis novos". Así, exemplifica que "se un alumno se atopa estudando nun instituto ubicado no centro da cidade da Coruña, igual ten outras aspiracións lonxe do campo, pero os alumnos que estudan en centros ubicados nas zonas rurais poden atopar oportunidades nelas para defender a súa singularidade". "O primeiro para eses mozos debe ser coñecer o local, a súa contorna e as oportunidades que se lles presentan nela e, seguidamente, xa poden saír a coñecer outros contextos e ver realidades diferentes que tamén poden ser logo adaptadas ao noso territorio", destaca García. E é que, ao seu parecer, "a innovación non é incompatible coa tradición" e "ambas poden achegar oportunidades de emprego e progreso".
Ademais, aínda que moitas veces dende as cidades se tende a pensar no rural como un espazo atávico que quedou nos tempos do branco e negro, a realidade é que hoxe por hoxe as pequenas aldeas tamén gozan de boas comunicacións e servizos. Así, García resalta que "non ten nada que ver o rural de hoxe en día co rural do pasado". "Unha persoa pode vivir hoxe no rural de Zas e está a só tres cuartos de hora da Coruña ou de Santiago en coche, con diversas conexións de transporte público para chegar ata esas cidades", exemplifica. Aínda que tamén se amosa consciente de que "hai outras zonas rurais máis alonxadas de grandes núcleos urbanos que o teñen máis difícil". Así as cousas, incide en que, "na actualidade vivimos nun espazo rual e urbano, cada vez máis conectado e interdependente, e citando a Jaime Izquierdo, escritor e investigador sobre o rural, as aldeas deben ser cosmopolitas e abertas ao exterior, e as cidades máis agropolitanas, relacionadas coa contorna rural que as rodea. "As relacións urbano-rurais non son antagónicas, senón complementarias, porque se coidamos a contorna rural, podemos vivir mellor nas cidades, gozando dunha maior soberanía alimentaria en determinados produtos, contando con alimentos de quilómetro cero e de proximidade", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.